Saltar ao contido principal

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán



Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados en 1936. Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987. 

Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán: 


  • Bebedeira, Nós, Santiago de Compostela, 1935. 
  • Galicia infinda, Salnés, Vigo, 1963. 
  • Cantarenas. Poemas (1934-1980), Ediciós do Castro, Sada, 1981. 
  • O soño do guieiro. Opúsculos, Ediciós do Castro, Sada, 1986. 


Se seguirmos a clasificación estabelecida por Ferrín, tal como recolle no seu clásico De Pondal a Novoneyra, témolo que adscribir á chamada "Xeración do 25", coincidente no tempo coa española "Generación del 27". Así mesmo, afirmará este no mesmo manual: 

Son unha sorte de fillos da Xeración Nós que se entregan mansamente á súa tutela sen amosar vontade ningunha de ruptura ideolóxica.


É posíbel falar acerca dun importante número de poetas deste período que serían seguidores da escola marcada por Luís Amado Carballo. Autores que poderían ser encadrados dentro da corrente do imaxinismo ou hilozoísmo, porque, quer parcialmente, quer totalmente, callarían dentro dos parámetros propios desta escola. Poetas como Augusto Casas, Eduardo Blanco Amor, Eugenio Montes, Xulio Sigüenza, Prieto Marcos, Ánxel Sevillano, Xosé María Brea ou o noso Florencio Delgado Gurriarán son algúns dos que farían parte deste grupo de cultores do imaxinismo. O imaxinismo ou hilozoísmo, cuxa principal característica se baseará na representación dunha natureza que cobra vida humana, unha natureza que será ou estará personificada. Do punto de vista dos movementos vangardistas, é claro que non presentan demasiada innovación, pois mesmo entroncarían cunha tradición ligada á nosa literatura medieval, tan cargada desa linguaxe simbólica en que cervos, paxaros, fontes, ondas e outros elementos naturais dialogan co eu lírico. 




Francisco Fernández del Riego xa nos advirte como en Bebedeira, o primeiro dos seus poemarios, xorde o gozo vivente da natureza, cuxos versos se ven impregnados dun evidente animismo poético. Alén diso, son composicións coloristas, sonoras, cheas de rusticidade, dos sorrisos das vendimas... Son versos opulentos, sensuais, cargados dunha obsesión pánica, e a súa fala caracterízase por ser enxebre e rica. 





Manciñas de nenas louras 
antre as follas depenican; 
follas das tortas cepeiras 
as mornas fazulas bican. 


Rachan o ar os alalás: 
laios das cepeiras tortas 
polos acios a chorar; 
sorrisas das nenas louras 
seus amores a cantar.


E da mesma opinión é Xosé Gayoso Díaz, cuxa estética ve próxima de Amado Carballo e dinos, por exemplo, que a lúa é unha cunca chea de dourado viño e que, ao derribala o vento, lixou o azul do ceo coas pinguiñas do viño, que son as estrelas. Deste xeito, o eu lírico pretende ir agatuñando até o alto do ceo para beber toda a cunca pinguiña a pinguiña. E nesa exaltación pola natureza xorde a adoración polos bosques, polos ríos, polos montes... 

Os poemas "Río de Farelos" e "A Caldeira", que é a súa continuación, trátase dunha sinxela homenaxe a este pequeno río, orgulloso el na súa simpleza; e, nestoutro que o complementa, unha boa Samaritana que dá de beber por onde queira que pase, e cántao a ritmo de muiñeira. 


Chamaranche fita ou cobra, 
poéticas nomeadas, 
mais ti, que arela teis diso, 
souril brinquedo das augas?


En "Córgomo de Valdeorras", faise primeiro un emotivo exordio á súa aldea, dedicándolle o poema aos seus veciños, para despois dirixirse a un "ti", ironizando sobre actividades e xogos de natureza enxebre. Cobran vida humana obxectos, animais, vexetais... en "Cousas", ou en "Cousas das Serras", onde a montañas orientais de Galiza se saúdan entre si, enredan... 




As vidras, 
ledas mozas churrusqueiras
maquilladas de sulfato, 
sorrinte ao vento coquetas. 


O vento, 
baril mociño das festas, 
mercou, na tenda do souto, 
seu perfume de candeas.


A lúa pode ser unha pastora que coida das súas ovellas, e o vento, o can, e as poutas das estrelas, lobos que as asustan, en "A lúa, branca pastora". O río Sil, nunha composición certamente enxeñosa, é un delincuente que ha de ser apresado, en "A cadea". 




As penas garda civís, 
ao río Sil lévano preso.



Seica din, que aló no monte, 
zugoulle o sangue aos regueiros; 
esforciou doncelas fontes; 
e arroubou o ouro das serras 
para gastalo no mar 
no cabaret das sereas.


Mais a natureza pode ser tamén descrita de xeito tráxico, expresivo, cos soutos espidos de folla, de pólas ergueitas ao ceo, que "Dos suicidas / semella o inferno", como se di no estribillo. Para, en ton ben diferente, enxalzar a chegada da primavera en "Aí vén o maio", unha oda feliz que combina versos longos e curtos; ou con "Valdeorras" convertida en noiva, terra fermosa que o poeta enxalza. 





Florencio Delgado Gurriarán dialoga cos seus coetáneos e até achamos paralelismos con outro poeta que tamén pasou parte da súa infancia en terras do Sil, en Quiroga. Estamos a falar de Ernesto Guerra da Cal. Un sutil fío parece que nolos queira facer ligar a ambos. 




Ai, meu Sil
meu meigo rio 
que tinhas os olhos verdes 


e donairoso o feitio
Lua do Sil
lua loira
que doce e souril me olhavas 
a segredar-me na boira


Tal nos conta Guerra da Cal en "Morrinha de rio e lua" en Lua de além-mar


Deixai-me passar a mão 
                                pelos cabelos da Lua!
Hoje quero embebedar-me 
                            co'a sua beleza nua
Camaradas
                        dai-me escadas 
para ir beber na sua 
       boca 
                      mortes aluadas


Dinos en "Bebedeira lunática", tamén en Lua de além-mar. Eis só un par de exemplos en que resulta bastante claro o seu paralelismo. Paralelismo vital igualmente, xa que ambos foron partidarios da República e exiliados, no caso de Ernesto Guerra da Cal nos EEUU. 


En sintonía con esta poesía ligada á natureza, existe outra de carácter báquico, dionisíaco, unha poesía dedicada ao viño de Valdeorras, chea de alma e amor. A exaltación das diferentes castes de uvas xorde en "Casoiro", personificadas nun gracioso xogo de flirteos e amoríos. En "Cantiga da vendima" o erotismo, a sensualidade é manifesta, de modo que en 3ª persoa se nos presentan as mozas que fan a recolla da uva, mudando despois para a 1ª persoa en que o eu lírico demanda os favores da namorada a través dun xogo metafórico ligado á actividade da vendima: "cô bago doce da boca", "co acio do meu corazón", "a túa boca é mosto / agre-doce de garnacha", etc. E tamén temos un himno báquico, cun "ledo resurrexit" en que o viño é transformador, de aí o motivo para as louvanzas. 

O noso poeta, e no prólogo de O soño do guieiro, dinos o seguinte: 


Eis un feixe de poemas, poemiñas e poemoides de circunstancias.


Ou un pouquiño máis adiante: 


compuxen estes meus poemas, poemiñas e poemoides, que son apaixonados e carraxentos por seren fillos de circunstancias carraxentas e apaixonadas; serán de acordo co xuízo do leitor xustos ou inxustos, mais sempre sinceros.


Estes son, basicamente, poemas acordes ao tempo da guerra e da posguerra. Así, temos a visión do home acomplexado, inferiorizado, etc. en "O galego", de modo que fai un chamado a facerse valer. E o seguinte, titulado "Non!", é igualmente o chamado á rebeldía para reparar o que xulga inxusto. 


Home de paz cumpre ser, 
mais, se te queren mexar, 
non, choromicas e mol, 
afirmes que está a chover, 
mais ben, ao que anda a mollar, 
faino, á súa vez, ouriñol.


Séguenlle outros poemas, agora tres sonetos dedicados a persoas represaliadas polos sublevados fascistas: "Un guerrilleiro", ao fusilamento de Antón Arias; "Segundo García Núñez", outro irmán asasinado no 36; "Alexandre Bóveda", ao guieiro bondadoso, o cal completará con "Morte de Alexandre Bóveda", en que se pregunta o porqué de morte tan cruel en persoa boa e xenerosa coma el. Temos despois a idea dos cristianísimos falanxistas/requetés en "O bon cristián" e en "Levan a Cristo por fóra"... e o demo por dentro, xa que blasfeman, inxurian e matan. 


Levan a Cristo por fóra, 
levan o demo por dentro; 
pregan o Santo Rosario 
e andan a matar labregos; 
din responsos en latín 
e enlixan os mandamentos; 
císcanse no Pater-noster; 
pero marmulan con xeito, 
orazóns de gran virtude 
pra esconxurar os vermellos 
e matalos, aleivosos ao seguro,
de ser mortos sen ter medo.


Outros poemas ridiculizan a Franco, "Home pequeno-Fol de veneno", ou á monarquía, en "Ranae ad solem". 

Hai unha última temática que Delgado Gurriarán toca: a defensa da fala, da nosa lingua. Así temos un simpático poema, ben sarcástico en que se fai louvanza dos topónimos verdadeiros valdeorreses, deturpados daquela, acastrapados, en "Louvanza dos nomes enxebres". En "Cantarenas do castrapo" vai describindo diferentes solucións estrambóticas, esperpénticas, aberrantes que lle poden suceder á nosa lingua e que cómpre evitar. 



Bilingüismo? Seique as cobras 
teñen a lingua fendida: 
Bilingüismo é o que nos cómpre? 
É "reptilina" Galiza?


A Galiza "acastrapada" 
é coma un cadro do "Bosco" 
cheo de monstros e trasnos, 
ou como casa de tolos.




E, finalmente, conclúe rogándolle á santa Marta para poder regresar de novo á terra e deste xeito ouvir outra vez a nosa fala, en "Prego final á Santa Marta, abogosa dos ouvidos".





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos