Saltar ao contido principal

Ciencia ficción, literatura de anticipación...

O xénero que adoitamos denominar como ciencia ficción levanta non poucas controversias, pois as vertentes que se poidan tomar a este respecto están en función do prisma que a el lle poidamos aplicar. Unha, que tal puidese ser para o caso, inclinaríao cara a unha vertente se cadra máis fantasiosa, entrementres outra caería con maior facilidade no campo, cando menos, da probabilidade, de algo non descartábel na realidade e que anticipa o que haberá de acontecer nun futuro. Diremos, xa de antemán, que non somos moi dados á lectura deste xénero de literatura, pero vén ao caso logo de que por fin nos animásemos a ler unha novela de Stephen King, neste caso so o pseudónimo de Richard Bachman. Sen dúbida que faría parte deste misceláneo caixón de xastre chamado ciencia ficción. Estamos a falar da narración que en portugués foi traducida como O concorrente, e que en español —que é o idioma en que finalmente o lemos—, El fugitivo.

Etiquetas á parte, Xulio Verne sáenos de novo ao paso. E se días atrás faciamos alusión aos galeóns de Rande e as súas Vinte mil leguas baixo dos mares, non podemos agora deixar de obvialo ao falarmos de ciencia ficción. O de Nantes, grandísimo documentalista dos avances científicos, foi un verdadeiro iluminado para a súa época. Xa for na obra amentada co somerxíbel Nautilus, xa con Da terra á lúa, historia dunha viaxe espacial en foguete ao noso satélite natural. Estamos perante o que na altura se comezou a denominar coa etiqueta de literatura de anticipación. Outros haberían logo de seguir os seus pasos, tal é o caso de H.G.Wells, Aldous Huxley, Ursula Le Guin, Ray Bradbury, Isaac Asimov, etc.



Mais quen foi o que colocou a primeira das pedras dese edificio que denominaremos, "sensu lato", ciencia ficción? Luciano de Samósata, no século II d.C. escribe os seus Relatos verídicos. Neles, fálasenos dunha viaxe á Lúa emprendida de xeito fortuíto. A consecuencia dun ciclón, un barco sae voando até o noso satélite, de modo que o narrador-viaxeiro conta acerca dese mundo paralelo que alí acha. Pero será Johannes Kepler e o seu Somnium, segundo o parecer de Asimov e outros autores do xénero, o iniciador dese tipo de prosa. Kepler, a pesar de todo, tampouco obvia a Luciano de Samósata e cítao, do cal se deduce que é o seu antecesor nun certo sentido. As viaxes de Gulliver, de Jonathan Switf ou o propio Verne son, á súa vez, continuadores de Kepler. Fala Sámosata, e é o primeiro literato en facelo, dos selenitas e, xa que logo, dos extraterrestres. Mais o propio Samósata advirte desde un inicio do libro que escribirá os seus Relatos verídicos sabendo que está a falar de algo fantasioso, nacido da súa imaxinación, e faino como oposición a aqueloutros autores que di faltan á verdade ao falar sobre países que os relatores nin terían nunca visitado, tal é o caso de Heródoto ou de Ctesias de Cnido.



Voltando ao que era o principio do noso texto, citabamos a Stephen King. O autor estadounidense ligámolo de xeito usual ao xénero de terror e suspense. Moitos dos seus libros, tal é o caso d'O resplandor, e tantos outros, teñen sido levados ao cinema. Mesmo esta novela, que diciamos foi escrita so o pseudónimo de Richard Bauchman, foi igualmente levada ao cinema. En España co título de Perseguido, e que logo tamén sairía ao mercado como vídeoxogo. O dinamismo desta novela á que aludimos, El fugitivo, parece ser unha constante do autor. A axilidade dos diálogos, así como a intriga ou o inesperado, latexan a cada paso. Ben Richards, protagonista dun concurso televisivo cuxo final ten necesariamente (pois nunca se ten dado o caso contrario) que acabar en morte, será un durísimo participante. Quere salvar a súa filla doente, única filla, e a súa esposa da vida miserábel en que viven. Cantos máis días resista sen ser abatido, máis aumentará o premio que ha de recibir a súa familia.

Publicada en 1982, os realities shows, tan á moda nos últimos tempos, non existían. Ese ollo escrutador que todo o ve, que espía a vida da xente, que controla e axexa, ese grande irmán que o George Orwell de 1984 xa aventuraba a finais dos anos corenta, está aquí. Descríbesenos un mundo degradado, cuns índices de contaminación atmosférica altísimos, cunha sociedade alienada e acrítica que se entretén practicamente só con programas concurso da televisión (librevisión é o nome que recibe na narración) e en que o poder, a través do seu aparello represor (policía, cazadores, delatores, etc.) castiga sen compaixón. A crueza, o verosímil que soa todo, ese mundo asalvaxado e perfectamente estratificado que vive e traballa de maneira compartimentada, estanca, a ese mundo élle furtada a verdade das cousas. A descrición das clases sociais humildes, aguilloadas por traballos que producen doenzas irreversíbeis (cancros e problemas de esterilidade), centra grande parte do relato. A saída que Ben Richards lle dá á súa situación familiar é arrepiante. Librevisión, a televisión gratuíta, ofrece concursos de alto risco para os concursantes ("Camiñando cara aos billetes", en que poñen a persoas afectadas do corazón a correr sobre unha fita transportadora dándolle máis velocidade de cada vez que fallan unha proba; "Bañe o crocodilo", cuxa perigosidade fica explícita no propio título; ou "O fuxitivo", que é ao que se presenta Ben Richards, e que se espera con resultado de morte).



Chama enormemente a atención a creación desa masa acrítica, cuxo contrapunto é posto por Bradley, un rapaz que axuda ao protagonista e lle descobre a realidade do que está a acontecer, de como el foi capaz de burlar o goberno para poder acceder á biblioteca á que só uns poucos poden —recordemos ao Ray Bradbury de Fahrenheit 451— e documentarse sobre o cancro de pulmón que decima as clases populares e que é disfrazado de simple pneumonía. A sociedade, xa que logo, convértese en amoral, en manda desaforada de lobos que goza vendo sufrir os seus conxéneres a través de librevisión. A pesar da immolación final a que o protagonista se ve abocado, a liberación da súa refén e a destrución do centro operador do mal, a Comisión de Concursos de Librevisión, abre unha raigaña de esperanza e alivia o lector de toda a tensión precedente. En termos técnicos, trátase esta dunha novela distópica, isto é, dunha novela en que se presenta unha sociedade ficticia, probábel pero indesexábel. Velaquí, pois, a "ciencia ficción" ("novela de anticipación" en termos das primeiras décadas do século XX) a que faciamos referencia no inicio, aínda que con toda a carga de controversia que poida encerrar. Libro este de Stephen King que, etiquetado dun ou doutro xeito, achega unha poderosa actualidade e forza, e que sen dúbida o fai altamente recomendábel.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos