Saltar ao contido principal

Fonte de intrigas en Mondariz. As escaleiras do Gran Hotel



Pasmamos ao vela. Esta obra arquitectónica de Jenaro de la Fuente, a escaleira principal, imprime magnificencia ao edificio. Tal e como correspondía aos estabelecementos balnearios do momento, o Gran Hotel de Mondariz tiña de ser do gosto dos usuarios e estar en sintonía co que era tendencia na época. Así pois, a obra merecedora do <<XIV Premio Risco de Creación Literaria>>, As escaleiras do Gran Hotel, tómaas Rubén Martínez Alonso como título e, nun certo sentido, até atinxen relevancia abonda na novela. Carolina, protagonista do relato xunto a Tomás, séntese atraída por elas tan logo chegue por primeira vez ao balneario desde Vigo: 

E subiron ata o primeiro piso, que aquí estaba despois do entresollado e o principal, seguindo o caprichoso deseño duns alfombrados chanzos que, logo de recibilas a un e outro lado da triunfal arcada que servía de embocadura, celebraban a súa unión suspendendo o percorrido, e desde ese airoso lugar, prodixio de enxeñería, volvían asinar o seu divorcio ata a vindeira volta. 

A rapariga sobe polos chanzos en compañía da súa avoa, á que acompañará na súa estancia no balneario, e faino porque a familia a tenta afastar de algo que descoñecemos pero que se deixa intuír. 


Por iso, Carolina, que iniciara o ascenso en compañía da avoa, en canto tivo a oportunidade de escoller, non titubeou:
—Agora vou por aquí. —Pois quería saber que se sentía ó facer iso.
Pero o destino volveunas unir no seguinte andar, o principal, censurando así aquelas ansias de liberdade.
 

As escaleiras véñense transformar en elemento simbólico, sexa polo afán de liberdade que vimos de ver e que agroma en toda a obra, sexa polos dragóns, os fanais que adornan os pasamáns, seres máxicos que custodian e falan do que teñen visto no hotel no transcurso dos anos.


Carolina e Tomás vénse enleados nunha sorte de intrigas que acontecerán entre xullo e agosto de 1928. Ese tempo é o que dura a estadía de ambos no balneario. Estamos na ditadura de Primo de Rivera e estase a fraguar un atentado contra a súa vida. Don Miguel visitará o complexo terapéutico en breve e o contubernio para o magnicidio escenifícarase nel. A calidade do estabelecemento, así como as innovacións terapéuticas de que se vale, foran afamadísimas na época, tanto na Galiza como no resto de España, e até no estranxeiro, pois personalidades de importante rango acudían a el: a infanta de Borbón, Isaac Peral, Castelao, Pardo Bazán, José de Echegaray e o mesmísimo Rockefeller, entre outros.


O bon facer como historiador de Rubén Martínez Alonso evidénciase na súa escrita, conseguindo un encadre social e histórico inmellorábel. O ambiente plasmado trasládanos a esa idea aburguesada que podemos ter dos anos vinte do século pasado: as vestimentas, os bailes e músicas de jazz, as decoracións, os modais das xentes, os vehículos, as relacións sociais, etc. O enorme clasismo percíbese neste ambiente plasmado tan a propósito, así como as grandes desigualdades sociais que se dan.


O persoal estilo narrativo do autor, tan intenso por veces, fai que todo o xogo de analepses e prolepses que abundan no relato consigan que o texto sexa dunha agradábel lectura. As mudanzas dos tempos na acción prodúcense de xeito natural, sen brusquidades. Rubén Martínez Alonso, en definitiva, ten ben tomado o pulso ao ambiente e aos acontecementos que se van sucedendo co transurso do tempo, de modo que o balneario de Mondariz se converte así en testemuña dunha dilatada época, mesmo rememorándose o pavoroso incendio que ha de sobrevir en 1973. Balneario que sería o suposto Burbida dos romanos, e do que nacería a idea de 'burbulla' e 'burbullar':


Temperamental e irascible, co seu poderoso tridente fixo abrollar o manancial aquel ó que todos chaman NEPTUNO, deus do líquido elemento, facendo en Burbida explosión o gas carbónico co que seu irmán PLUTÓN unxira a auga ó seu paso polo Averno, onde Proserpina contaba os días que aínda lle restaban para reencontrarse coa súa desolada nai Ceres. 

E deste xeito vanse incardinando na narración esoutras partes explicativas e mitolóxicas que fan progresar a narración desde a tentativa fallida de atentado contra Primo de Rivera até a relación amorosa entre ambos os protagonistas e que non ha de callar nunca. A Segunda República asoma ás páxinas a través dos conceptos liberdade e feminismo, este último representado a través da figura de Carolina, quen, en palabras do propio autor, se revolve contra o modelo tradicional de familia e loita pola súa independencia persoal, económica e intelectual. 



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Ga...

Miguel Sousa Tavares e o seu "Equador"

Capa do romance "Equador" 1.- ARGUMENTO : Luís Bernardo Valença pertence à alta burguesia lisboeta. Seu pai deixa-lhe em herança a posição de sócio principal de uma companhia de navios que fazem diferentes rotas comerciais. Estamos a falar da Companhia Insular de Navegação, encarregada de transportar cargas e passageiros entre a ilha da Madeira, as Canárias, o arquipélago dos Açores e o Cabo Verde. A vida do homem é regalada, despreocupada, entregue ele às reuniões e tertúlias com pessoas da boa sociedade lisboeta. Goza da amizade, por exemplo, de Bernardo de Pindela, conde de Arnoso, o qual faz parte do grupo de “Os Sobreviventes”, justamente em oposição ao de “Os Vencidos da Vida”, de que participava no seu momento Eça de Queiroz. Essa vida nocturna lisboeta de que o Basílio tanto se queixava (falamos do do seu romance O primo Basílio ) por falta de locais onde poder desfrutar, e que nestes se tornava todo o contrário, dispostos a extrair daquela vida capitalina...

"Anátema", de Camilo Castelo Branco

Estamos perante a novela com a que, na prática, Camilo Castelo Branco se vai estrear no caminho do romance. Com antecedência já tinha publicado Maria não me mates que sou tua mãe (1848), de caráter marcadamente folhetinesco e baseado num facto ocorrido em Lisboa no ano 1848. Em Anátema (1851) recolhem-se já os elementos basilares que irão marcar a maneira de escrita do autor trasmontano. Tudo quanto se verte para este primeiro romance, vê-lo-emos, em maior ou menor medida, refletido posteriormente na obra estelar camiliana, quer dizer, no seu Amor de perdição . É interessante vermos como se explicita (cap. XVI) o sentido do título do romance nesta passagem em que fala o padre de Vilamarim, Carlos da Silva:  —[...] Há um sangue inocente, que transuda a pedra do túmulo! Há um grito de vingança, que quer uma longa expiação de lágrimas! Há um ANÁTEMA de conjuração diabólica que vai até à última geração de uma família como um rastilho de sangue! N...