Saltar ao contido principal

Latexos de intensa vida n' A distancia do tambor



Poesía afianzada na mesma forza que o seu río, o Eume, ou que nas inmensas lagarteiras, as espectaculares mareas vivas do verán que tanto nos asombrarán sempre. Así, asíndose á vida, xa for nese "fragmento cúbico de chuvia que escribe sen percusión posible" o seu ciclo da auga, da vida en fin, trazada con todas as súas arestas; xa for no eu ontolóxico que tenta aprehender a casa que foi e que o paso do tempo levou consigo: "A onde irá esta pel do tempo / envolta en corrosivas ondas?"; xa nas cicatrices que a idade vai deixando cal amósegas: "Miro a foto da nena / tanto tempo extraviada [...] / fáltanlle aínda os anos / da invisible cicatriz".

Eva Veiga abunda de novo nesa expresividade tan propia, cada vez máis depurada, pura, libre de ornamentacións, cuxo afán é a procura da esencialidade da palabra, da mensaxe, e que xa no seu anterior poemario se fixera máis patente que nos seus precedentes se cabe. Referímonos a A frecha azul do teixo. Algunhas composicións, de feito, semellan practicamente aforismos. A capacidade de síntese vémola, por exemplo, con clareza en:

ESPAZO: 
aínda escura crepitación do tempo 

Poema sensorial, brevísimo, sorte de sinestesia.

na cicatriz 
dunha pinga de auga 
sobrevivir

 O rastro da vida que retorna transformado noutro ser.

PASAS 
quedándote. 
Esa nube. 

En que latexa o desexo de aprehensión, de reter o tránsito do tempo.

O propio título do libro entraña unha certa complexidade, prodúcenos unha sorte de estrañeza. O poema dedicado a Margarida Ledo en que se di "as unllas / perforando / a distancia do tambor" pode, quizá, acharse a explicación. O tambor o máis probábel é que aluda á metáfora da guerra, que se pretende ou quere —inútil pretensión— distante. Esa guerra cruel, encistada e larvada en determinados territorios como este de Palestina en que se socavan os seus propios alicerces:

mahmud darwish tiña un limoeiro en Palestina 
e os seus ollos non volveron ver a primavera  

Meninas de Canido (Ferrol)

Os poemas de Eva Veiga nútrense de dor, de berro xordo, de angustia e de denuncia. A muller como motivo central, como ser obxecto de sevicias, de maltratos, de negacións. A muller de Malí, composición que vai a continuación desta comentada, que remata con esta impactante pregunta:

quen necesitará uns pés tan fríos? 

Alusión á muller que xace xa morta no chan logo da brutal agresión sufrida e coa cántara que foi a rolos no camiño.

No entanto, a muller como motivo poético non é simplemente a do terceiro mundo. Tamén é esoutra muller do noso, do primeiro, próxima pois, que non encontra saída á dor que o corpo vai cosendo. Esa muller que fica anulada, que cae reiteradamente na rede do seu maltratador. Estámonos a referir, en concreto, ao poema número 23.

O verbo faise carne. Eva Veiga aprópiase, fai súas as palabras bíblicas:

e coa miña cabeleira vermella, 
rexurdo das túas cinzas 
e volvo ao principio do poema 
para salvarme nunha oración copulativa 
que abrolla xa e aínda sen predicamento: 
Deus 
son eu

A poesía de Eva Veiga dialoga coa nosa tradición. Agroman nela ecos manuelantonianos, quer polo emprego de certos elementos oximóricos ("O sangue é un tacto branco que foxe da loucura. / Durmir como a madeira de volta á praia"), quer polas aparentes disonancias dalgúns tecnicismos aos que se lles presuporía pouca aparencia lírica, aquí deslixitimada ("Palabras / prehistóricas /subatómicas / tecendo/ un silencio de galaxias"). E, por suposto, tamén os ecos rosalianos, alusivos á concepción metafísica, á materia que non desaparece, á vida transformada nun outro ser distinto, alén de toda a carga simbólica de que se vai ela nutrindo ("xazo/ baixo a néboa // a luz/ disólveme// e fica").

Con A distancia do tambor, Eva Veiga gañou o XIV Premio Fiz Vergara Vilariño de poesía convocado pola asociación cultural Ergueitos de Sarria. Editado por Espiral Maior, con capa de Alfonso Costa, sobresae nel a nuez da palabra e a ausencia de aditamentos que puidesen distorsionar a procura da emoción, cuxos nós temáticos xiran á roda do tempo, da figura da muller, e das cicatrices que a memoria vai deixando, así como o espazo entendido como unha sorte de ser vivo. Chaves estas, en definitiva, da mellor poesía que Eva Veiga nos ten ofrecido até este momento.


A poeta de Ombre Eva Veiga



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Ga...

Miguel Sousa Tavares e o seu "Equador"

Capa do romance "Equador" 1.- ARGUMENTO : Luís Bernardo Valença pertence à alta burguesia lisboeta. Seu pai deixa-lhe em herança a posição de sócio principal de uma companhia de navios que fazem diferentes rotas comerciais. Estamos a falar da Companhia Insular de Navegação, encarregada de transportar cargas e passageiros entre a ilha da Madeira, as Canárias, o arquipélago dos Açores e o Cabo Verde. A vida do homem é regalada, despreocupada, entregue ele às reuniões e tertúlias com pessoas da boa sociedade lisboeta. Goza da amizade, por exemplo, de Bernardo de Pindela, conde de Arnoso, o qual faz parte do grupo de “Os Sobreviventes”, justamente em oposição ao de “Os Vencidos da Vida”, de que participava no seu momento Eça de Queiroz. Essa vida nocturna lisboeta de que o Basílio tanto se queixava (falamos do do seu romance O primo Basílio ) por falta de locais onde poder desfrutar, e que nestes se tornava todo o contrário, dispostos a extrair daquela vida capitalina...

"Anátema", de Camilo Castelo Branco

Estamos perante a novela com a que, na prática, Camilo Castelo Branco se vai estrear no caminho do romance. Com antecedência já tinha publicado Maria não me mates que sou tua mãe (1848), de caráter marcadamente folhetinesco e baseado num facto ocorrido em Lisboa no ano 1848. Em Anátema (1851) recolhem-se já os elementos basilares que irão marcar a maneira de escrita do autor trasmontano. Tudo quanto se verte para este primeiro romance, vê-lo-emos, em maior ou menor medida, refletido posteriormente na obra estelar camiliana, quer dizer, no seu Amor de perdição . É interessante vermos como se explicita (cap. XVI) o sentido do título do romance nesta passagem em que fala o padre de Vilamarim, Carlos da Silva:  —[...] Há um sangue inocente, que transuda a pedra do túmulo! Há um grito de vingança, que quer uma longa expiação de lágrimas! Há um ANÁTEMA de conjuração diabólica que vai até à última geração de uma família como um rastilho de sangue! N...