Saltar ao contido principal

Toponimia de Canido

Aspecto da capa e contracapa de Toponimia de Canido
O pasado día 24 do mes en curso, Fernando Cabeza Quiles, un dos máis reputados expertos en toponimia do noso país, deu unha interesante conferencia no IES Canido de Ferrol. Dita conferencia enmarcouse dentro das actividades que a Asociación Sociocultural Muíño do Vento, agrupación moi activa do barrio, e o propio instituto de Canido, están a levar a cabo con motivo de tentar recuperar, fixar e estudar a súa toponimia. O día 28 fíxose a presentación pública do libriño Toponimia de Canido, resultado desta proposta tan interesante e atractiva que alumnado de 1º da ESO realizou durante o curso 2013-2014, coa colaboración de profesorado —Carmen Cuesta García e Arturo Cribeiro Bouzamayor—, de veciños —especialmente José María González Dopico—, e do ilustrador Miguel Anxo Romero López.

A inmensa sabedoría e didactictismo achegados polo conferenciante, testemuñados nos seus tres libros principais, Os nomes de lugar, Os nomes da terra: topónimos de Galicia e A toponimia celta de Galicia, ficou patente durante a súa charla. Remontouse aos seus predecesores —poucos en número, xa que se trataba dunha disciplina aínda en proceso de desenvolvemento—, sobre todo facendo fincapé en Alberto Moralejo Lasso e, mesmo, tornándose inescusábeis as achegas do Padre Martiño Sarmiento, iniciador, se ben de xeito autodidacta, xa no século XVIII. Á vella usanza, Cabeza Quiles botou man de diapositivas tiradas por el mesmo co propósito de falar un bocadiño acerca dos distintos tipos de topónimos e da realidade á que aluden. En definitiva, unha moi interesante exposición que serviu de extraordinaria apertura á presentación do libriño Toponimia de Canido.
Cruceiro de Canido


A Metodoloxía en que se baseou o grupo de traballo explicítase logo do prólogo presentativo da publicación. As testemuñas orais foron unha axuda fundamental. Os alumnos acudiron a elas acompañados dunha ficha en que fixeron asento da motivación semántica do topónimo (se fai referencia á auga, ás plantas, a animais, a nomes de persoas, construcións singulares, á orografía, etc.) e da localización espacial. Os problemas xurdidos teñen que ver con que algúns dos topónimos carecen de carácter oficial, aínda que os veciños fan uso deles, e outros refírense a elementos xa desaparecidos. Nada, por outro lado, infrecuente neste tipo de traballos, máis aínda tratándose dun barrio bastante urbanizado, coa consecuente modificación do espazo (rúas, prazas, vivendas, etc.) que isto implica e a dramática desaparición de moitos nomes de lugar que nestes puido existir.

Non temos dúbida de que a toponimia ha de ser un dos piares básicos en que debe asentar grande parte do noso ser como galegos. Por iso a importancia deste tipo de tarefas de recolla, fixación e estudo, pois que contribúen exitosamente ao proceso de normalización lingüística, pero tamén social, que nos é tan necesario. Logo, tamén, a pertinencia do poema —entregado nunha sorte de separata— que o profesor e escritor Antón Cortizas quixo facer para a ocasión. Trátase dun serventesio titulado "Toponimia" e velaquí as dúas primeiras estrofas:



As nove primeiras estrofas do poema "Toponimia"

Quero inventar un país clandestino 
que teña un nome que ninguén esqueza 
quero que sexa un país de beleza 
onde a carraxe non teña destino. 

Quero que teña entreaberta unha porta 
sen cadeados e sen pechadura, 
pola que entre decote a cordura, 
pola que saia o que nada importa.





E de aí, desa enunciación desiderativa, pasa a facer repaso dalgúns dos topónimos que o vello barrio de Canido deu co paso do tempo, e que nós queremos subliñar:




Quero unha costa con nome de estrela 
que mire ao mar con olladas de lume 
onde a tristura se ría e rezume 
un silencioso mirar de doncela. 

Voulle poñer un xentil corazón 
no que rebenten latexos de amores, 
As catro restantes estrofas de "Toponimia"
quero que teña xanelas de flores, 
rúas alegres e... algún corralón.


Ou máis adiante:

Situareino a carón da ribeira, 
acariñado por brisas amantes; 
do manso mar subirán navegantes 
ao manso mar baixarán cangrexeiras.


Ou para terminar:


Debuxareino nun mapa perdido: 
ramplas e foxos, murallas, cortiñas
ribas e ranchos, atochas, pardiñas... 
e heino chamar, simplemente, Canido.



Valente e interesante proposta, en fin, feita polos amigos de Muíño do Vento e do IES de Canido, nesa perfecta simbiose entre dúas entidades que dialogan entre si para facer mellor e máis humano o noso mundo. E é que as cousas, tamén, até poden ser grandes proxectadas desde o máis pequeno.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos