Saltar ao contido principal

No centenario do nacemento de Hildegart

Cartaz anunciando o congreso
Con motivo do centenario do nacemento de Hildegart Rodríguez Carballeira, celebrouse entre o 5 e o 7 deste mes de decembro un congreso sobre a súa figura no Ateneo Ferrolán. O rehabilitado edificio, en cuxo salón de actos se contou coa participación dos máis diversos expertos e expertas na materia, acolleu (e aínda acolle) unha interesante exposición con paneis explicativos e diversas publicacións ao respecto. Paralelamente a este, houbo actos na Coruña e tamén en Madrid, auspiciados polo citado ateneo de Ferrol. 

Hildegart Rodríguez Carballeira, filla da filicida Aurora Rodríguez Carballeira, foi triste actualidade polo seu tráxico asasinato acontecido o 9 de decembro de 1933. Súa mai, Aurora, que xulgara que o seu proxecto euxenésico e perfecto, Hildegart, saíra errado, mátaa a sangue frío de madrugada entrementres durmía. Hildegart fora infeliz noticia naquela altura por causa de tan brutal asasinato, e da loucura ou non dunha iluminada, súa mai Aurora, que a quixo concibir cun propósito mesiánico; mais a coitada da rapaza, de dezaoito anos tan só, fora capaz de asombrar até ese momento, na España republicana e mesmo fóra dela, a propios e estraños grazas á súa prodixiosa intelixencia e capacidade de liderato, entre outras.

O proxecto de ser perfecto, prototipo de muller para despois ser expandido por todo o Estado español e máis adiante por todo o orbe, funcionou até que Aurora así o estimou. Porque Aurora, como un demiúrgo, ser supremo, facedor e artista, destruirá a súa obra. A idea sería crear falansterios ou sorte de granxas de procreación e reprodución con pais e mais seleccionados, de maneira que puidesen concibir seres libres de taras físicas e psíquicas. E Hildegart, a este respecto, fora cumprindo coas expectativas de súa mai. Lía con 22 meses, tocaba o piano con tres anos, con catro escribía a máquina, con catorce anos foi matriculada en Dereito e con dezasete xa se licenciara, falaba perfectamente inglés, francés e tiña amplísimos coñcementos de latín, ademais de traducir alemán, italiano e portugués, foi secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, conferenciante, experta en temas relacionados con sexoloxía, etc.

Pero Hildegart tiña ansias de voar do niño. Súa mai, de certo, tíñaa secuestrada. Aurora, paradoxalmente, reprimía na filla todo aquilo que ambas, nun sentido teórico, promulgaban, isto é, a liberdade, a liberación sexual da muller fronte ao home, pois que abandeiraban un modelo de muller lonxe da dona de casa, da muller simplemente como paridora —era o adxectivo que Aurora usaba ao respecto— ou, o que é o mesmo, como un ser obxectualizado. Hildegart tiña oportunidade de poder ir ao Reino Unido xunto ao membro destacado da Liga Mundial pola Reforma Sexual, Havelock Ellis, mesmo de HG Wells, outro dos membros máis relevantes e para quen ela actuara de secretaria cando el estivera de visita en Madrid. Velaquí algunhas, non todas, das posibilidades que se lle presentaban a Hildegart de se poder emancipar.

Todos estes aspectos, tanto biográficos como políticos, euxenésicos, sexolóxicos, de reprodución humana e control de natalidade, xornalísticos, etc. de Hildegart Rodríguez Carballeira, alén de canta documentación, filmes, pezas teatrais e outros leva provocado a súa figura, foron abordados ao longo deste congreso. Na nosa calidade de escritor, máis concretamente con respecto á publicación da nosa última novela, Entrada ao xardín do saber, e en que Hildegart e Aurora fan parte destacada, fomos convidados para a súa presentación. Presentación en que nos coubo a posibilidade de conversar co profesor, historiador e escritor Eduardo Fra Molinero, quen nos acompañou na mesa. Entrañábel acto este, un graíño de area máis para ese enorme edifico construído de arredor do extraordinario e arrepiante binomio Aurora / Hildegart Rodríguez Carballeira e do que tanto se haberá de falar.

  

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos