Saltar ao contido principal

A voz "amarar"


o hidroavión vai amarar?
Cando menos, resulta simpático achar, sen as agardar, certas voces que de xeito repentino chegan a ti sen que antes tiveses sabido nunca nada delas. E será que elas nos buscan? Teremos acaso algunha sorte de imán para deste xeito viren a nós? Sería bonito pensar que si, que elas fan por saír na túa procura pois que queren, ou desexan, ser rescatadas. Mais é a alerta filolóxica, esa (de)formación con que contamos de xa hai algúns aniños, a que na verdade sae ao noso encontro; logo esta é a simple e única razón que aniña en toda esta maxia marabillosa que puidese parecer o achado fortuíto de léxico de que acostumamos facer acopio. Falamos de reparar en, falamos de fixar a nosa atención naquilo que, de xeito inesperado, dan en dicir os nosos maiores nun determinado momento e rapidamente corremos a apuntar. Velaí a nosa maneira de proceder. 

Así pois, o vocábulo "amarar", e se ben serviu para ilustrar unha conversa acerca do difícil que é botar as patacas cando o terreo non acaba de absorber toda a auga de chuvia, foi esta palabra, dicimos, a que fixo reflexionar o noso interlocutor acerca da posibilidade de que ela puidese proceder da voz mar. Non en van, a cantidade de auga de chuvia caída nestes últimos meses, está a facer dificultosa a devandita tarefa, a de plantar as patacas. Así que indo aos dicionarios para verificar a existencia ou non de dita voz, todos os de Xerais, Galaxia e Santillana acabáronos por remitir a unha única acepción que pouco tiña a ver co que, meu pai neste caso, me viñera a dicir. Amarar, logo, é recollido en tales dicionarios, mais coa definición única de se vir a pousar unha aeronave sobre a superficie da auga. 

A nosa pescuda non acabou aí porén, e no Dicionário da Língua Galega de Isaac Alonso Estravís fomos (cremos) encontrar a solución máis acaída á nosa busca. Na terceira das acepcións da entrada amarar, fálasenos dun verbo reflexivo cuxo significado vén ser o de encherse de auga algo, aínda que sen facer tampouco moitas máis aclaracións ao respecto. No Grande Dicionario Xerais da Lingua aparece, no entanto, a forma amarear. Esta, segundo o tal dicionario, refírese a un verbo transitivo cuxo significado é o de atoarse un lugar ou un conduto por mor da terra arrastrada pola auga.


Quer unha forma (amarar), quer outra (amarear), o caso é que ambas parecen compartir espazos de significado comúns, aínda que sen o facer plenamente. O que fica medianamente claro é que para o meu pai o seu sentido, o do verbo amarar, ten que ver co de que a terra se encharque e non dea absorbido a auga de máis que hai nela. Outro vocábulo máis, en fin, para fixar e aprender, e que, estamos certos, non ha de ser o último.


a horta está amarada

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos