Saltar ao contido principal

Obra propia



OBRA INDIVIDUAL
  • NOVELAS

Mar para todo o sempre, Laiovento


 SINOPSE:

Em 1595 Álvaro de Mendanha parte de El Callao para a "Terra Australis Incognita" iniciando umha aventura que nom terá desenlace até cinco séculos mais tarde.


Com este pressuposto seria possível pensar que nos achamos perante um romance de recriaçom histórica ou de viagens; se bem é certo que algumha das personagens som tomadas do passado real, nom é menos certo que o autor as encheu de sentimentos e reflexons que em nada —polo menos que se saiba— tenhem que ver com a condiçom verdadeira de tais figuras históricas. Também é manifesto que a beleza e o lirismo com que se recriam certas paisagens poderiam comparar-se às mais belas páginas de livros de viagens. No entanto, a intençom do autor ultrapassa os limites descritivos. Por cima de qualquer argumento acha-se a sublimaçom do home na procura de um ideal.


Umha linguagem rica, viva, carregada de expressividade e, sobretudo, de grande sonoridade, acompanha o leitor, que, assombrado, termina a leitura como olhos sonhadores e o corpo exausto, talvez por ter dado início também essa viagem apenas numha jornada.



Os desherdados, Embora


SINOPSE:


En Covas, unha parroquia costeira e rural de Ferrol, desenvólvese a vida adulta dunha muller que sabe desde ben pequena que a vida dalgunhas persoas está chea de traballos e penas e a dignidade é o que salva a existencia dos desherdados.


As circunstancias familiares dos pais, primeiro, e dela mesma, logo, obrígana á emigración interior á busca de traballo e futuro. Na súa vida cotiá non hai tempo para o acougo e os acontecementos que se suceden durante anos non permiten o descanso do corpo nin da mente, pero ela garda un segredo persoal nunca desvelado.


O futuro da lingua galega está, moi probablemente, en novelas como Os desherdados, unha narración magnífica, de ritmo demorado, coidadosamente elaborada e sutil, rica en matices e de vocabulario gorentoso para ledicia dos lectores máis esixentes.





O prezo da tentación, Embora



SINOPSE:



Mauro sente admiración por seu tío avó. Logo dunha estadía na Guinea Ecuatorial, máis enriquecedora que longa, Armando rexenta agora unha tenda de móbeis e antigüidades na súa cidade natal. Alí debullarán interesantes conversas que estimularán o interese do rapaz, historias sempre aderezadas polo sabor dunha amantísima e sedutora África. Mais o pasado do tío avó Armando é grave e incómodo de máis, e a súa morte coincidirá coa entrada do Mauro á idade adulta, ben atafegada por conflitos. A Mauro, con todo, agárdao un prometedor futuro, aínda que cheo de insatisfaccións. Futuro que tomará un rumbo inesperado tras a descuberta dunha serie de estraños enigmas. A historia convértese daquela en varias historias, e todas por desvendar. Triunfará unha sobre todas as demais? Quen o sabe. Sexa como for, na man de Mauro está a solución.






Entrada ao xardín do saber, Redelibros


SINOPSE:


Henrique de Sas intenta homenaxear a figura de Vicente Risco publicando un extenso artigo. Indaga sobre algún perfil novidoso, mais no camiño dará co inesperado: Hildegart. A filla de Aurora R. Carballeira, precoz líder socialista, licenciada en Dereito e articulista sobre sexualidade e política, asasinada por súa mai. Tiña dezanove anos; era 1933. Tensións e buscas ligaranse a partir da estraña relación entre Risco e as dúas mulleres. Henrique de Sas pescuda na actualidade, mais antes xa o fixera o ourensán. Que acontecerá para que o desacougo máis punxente veña a calar en ambos?


Novela de trazos detectivescos, de intriga e acción. O pasado virá ao noso encontro para revelarnos un enigma. Unha narración intensa que a ninguén ha de deixar indiferente; unha narración en que unha parte da nosa historia reclama ser desvendada.





SINOPSE: 

O islandés Gudmund Arnórsson emprende a vella rota que os seus predecesores tardoviquingos inauguraran moitos séculos atrás, o Vestvegr. Desde Ribe, en Xutlandia, navega até chegar ao porto de Ferrol. Axéxao un pasado cheo de fracasos e turbacións. Ana Saavedra artella unha ambiciosa publicación. Interésase por algunha persoa escandinava que queira envolverse  na iniciativa e na que Gudmund Arnórsson participará de bon grado. Como nunha sorte de road movie, o lector verase deste xeito mergullado nunha vertixinosa aventura de persecucións, contrabandistas, enganos e dilemas éticos. Unha trepidante narración chea de intrigas e sorpresas en que, xunto con Ana e Gudmund, a indómita paisaxe islandesa, un mar de tormentas, Ferrol e o Camiño Inglés virán a converterse en verdadeiros protagonistas do relato. 




SINOPSE: 

XXV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta


Illas a sotavento é unha novela protagonizada por un grupo de amigos do lugar do Prioiro, na parroquia de Covas, que manteñen cos de Arriba unha rivalidade irracional. Os enfrontamentos non cesan nin sequera no verán ou no tempo de lecer e os desafíos e os amores cruzados definen unha historia marcada por un relevante segredo. Eloi e os seus amigos do Prioiro queren construír unha balsa para chegar a unhas illas das que se contan historias fabulosas. As tirapuxas entre ambos os bandos e a construción da embarcación convértense nunha aventura. Mais... os perigos espreitan. Unha apaixonante novela de aventuras, un fermoso canto aos espazos naturais e, en definitiva, unha sorte de viaxe iniciática que a ninguén deixará indiferente.




  • RELATOS


Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias, Laiovento


SINOPSE:


Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias acolhe oito relatos bem diferentes, com induvitável riqueza temática e estilística, mas enormemente ligados àquela prosa singular com a que Henrique da Costa nos surpreendera aquando a publicaçom do seu primeiro romance, Mar para todo o sempre, embora mostre nas páginas desta nova entrega narrativa grande número de inovaçons técnicas como respeito àquela outra. O barroquismo expressivo e a intensidade dos caracteres humanos de que fam gala as personagens destas histórias —com as suas grandezas e misérias— estám a ser converter nos maiores sinais de identidade de um autor que, possuidor da "Bússola" e conhecedor do "Norte", navega na procura do reavivamento do universo literário galego-português. O aprofundamento psicológico, unido à dosificaçom da intriga à hora de os acontecimentos serem evocados, predominam sobre todas as demais cousas no espaço narrativo do autor, e cujo bom fazer lhe valeu novamente atingir o prémio do Certame Literário convocado pola Câmara Municipal de Ferrol.




Unha mada de doce relatos, Laiovento

SINOPSE:


Doce relatos, doce, entrecruzados polo sutil fío condutor dun autor con oficio de xénero. Doce relatos, distintos entre si, mais cun trasfondo inconfundíbel, labrados co esmero do lirismo, e trazados por unha singular querenza descritiva. Doce relatos cuxa matriz enraiza no realismo para se encamiñar por variadas sendas, aínda que converxentes, e aderezados cun eficiente profundamento psicolóxico, e dosificación de intriga. Realismo máxico acaroado ao traxicómico, mais tamén o de xénese social, e o máis costumista, episódico ou anecdótico, pois todos eles veñen asomar ás páxinas do libro gañador do "XVI Certame literario Ricardo Carvalho Calero" de 2007 convocado polo Concello de Ferrol. Haberemos de rir e sorrir con eles; e as bágoas puganarán á hora de querer abrollar en acalorado desafío á indignidade dos tempos de ferro; e no noso ánimo unha feliza saudade desexará callar noutras ocasións, cos retratos dunha infancia evocada pola memoria; e xunto deles os incomprensíbeis e covardes asañamentos contra os máis débiles en reclamo de xustiza. Achámonos, en definitiva, perante doce narracións breves cargadas dunha enorme emotivididade, e que, sobre todo, non nos haberán de deixar indiferentes. Doce narracións, doce, que afianzan xa, e cunha grande solidez, ao seu autor ente os máis destacados no xénero, de tanta tradición e rendemento dentro da nosa literatura.



O día que ao Carlos lle fora mal, Muíño do Vento

SINOPSE:


Carlos é un rapaz de barrio, dos infatigábeis que gostan espeso de estar na rúa a enredar cos seus amigos en mil e un xogos. Carlos, non obstante, poida que sexa unha miga inocente de máis á hora de participar nas diversións. Así pois, un día protagonizará un estraño suceso nunha casa vella. A partir de aí, a casa pasará a convertese na principal causa dos seus desvelos. A historia de quen a habita, de maneira inconsciente, méteselle nos miolos e perseguirao até a idade adulta. Carlos medra, sae ao mundo e abandona o barrio, a cidade, para se embarcar nun novo rumbo de vida, familiar e laboral, que terminará por aborrecer. Co tempo, regresará ao seu lar, retomará o negocio da familia e entregarase á descuberta de todo o enigma que hai por tras desa casa.




Á deriva, Belagua


SINOPSE:


Seis son os relatos que conforman o libro, sendo o primeiro deles, “Á deriva”, o que xenericamente dará título a todo o conxunto. Seis relatos de moi diferente fasquía, aínda que pespuntados liricamente pola voz dun autor que nos vai levando desde un mundo trazado pola incredulidade do accidente do Discoverer Enterprise, incrustado pateticamente na ponte das Pías, até a novela breve, “Patria do vento tourón”, en que se relatan as vicisitudes do torreiro Terencio, namorado dunha serea, con todas as insidias que se moven de arredor de quen a coñece e dun tráxico suceso acontecido na mina de ouro que existe na aldea. O realismo combina co fantástico, mais sen renunciar ao ton irónico, mesmo cómico, a pesar de que se poida mastigar a traxedia, como acontece en “Maxia real”, un conto máxico de reis en que anda a rondar a morte. A traxedia asoma en “Canción de arrolar”, pois abórdase o fusilamento en 1938, após ter dado a luz, de Amada García no castelo de San Filipe de Ferrol; e en “Berlarmino e o robalo”, co teimudo submarinista que interioriza como un desafío a loita contra o magnífico animal. Finalmente, Isabel de Barreto, a almiranta dos Mares do Sur, antóllase tema recorrente e caro ao autor, agora recreado a través da figura dunha súa trasneta, a protagonista de “Ofelia Seis Dedas”, que quixo tripar as mesmas terras que ela tripara en 1595 e que motivará a súa desgraza. Seis narracións, en definitiva, cheas de paixón, escritas co bon oficio de quen leva anos exercendo como tal; narracións que, con certeza, non haberán de causar indiferenza a quen as lea.





SINOPSE: 


Henrique Dacosta volve a súa ollada aos tempos da súa infancia para somerxernos no territorio literario que nunca abandona: a cidade de Ferrol, por un lado, e a súa fascinante costa, por outro. O realismo percorre esta escolma de relatos dispares, lembranzas dunha rapazada que medra escoitando as historias dos vellos mariñeiros e afánase en emulalos; das rúas onde ninguén pasa desapercibido; dun Arsenal que todo o impregna...

O libro está conformado por oitos relatos, enchidos de pequenas traxedias, e unha breve peza dramático-cómica. Por eles aparecen, ademais, personaxes de narracións anteriores, como o teimundo pescador Belarmino, e o torreiro Terencio e mais o seu amigo Venancio, que n' O Cabo do Mundo nos contan as calamidades vividas na construción das baterías militares do cabo Prioiro.
 
Unha vez máis, o singular estilo de Dacosta lévanos a admirar o seu dominio da linguaxe e o seu profundo coñecemento de vocábulos e expresións dialectais que lle son propias. 




  • ENSAIO


Ferroláns na Historia da Literatura Galega, Embora


SINOPSE:


Ferroláns na Historia da Literatura Galega non pretende ser unha historia da literatura senón máis ben un estudo de natureza bio-bibliográfica.

Ferrol representa, sen dúbida ningunha, a cabeceira de comarca, o punto de referencia doutros concellos. Así, os escritores estudados neste libro son non só os que tiveron as terras de Ferrol como lugar de nacenza, senón tamén os que se criaron nel e os que se asentaron nesta comarca a desenvolver a súa vida profesional.

Moitos son os escritores dados por esta comarca á nómina literaria galega. Este libro sistematiza cronoloxías e autores e pretende ser esahustivo. Da Idade Media ao momento actual, a práctica totalidade da literatura galega feita en Ferrol recóllese nas páxinas deste traballo de Henrique Dacosta, unha homenaxe á cultura da cidade, mestura de racionalidade e imaxinación, e unha defensa do seu papel en Galiza.





SINOPSE: 

Un libro divulgativo sobre a vida e obra do autor das Letras Galegas 2020. Quen era, como viviu e como pensaba Carvalho Calero. Unha biografía clara e concisa para todos os públicos. 


<<A vida e as circunstancias do home que vai ser obxecto do noso estudo, Ricardo Carvalho Calero, terán reflexo na súa obra? Abofé que non albergamos a menor dúbida. Todos somos fillos dunha época e dunha determinada contorna, quer socioeconómica quer culturalmente falando, e esta modelará a nosa forma de ser e de estar no mundo, como individuo que forma (formamos) parte do tecido social. Aínda que talvez poidamos pensar en termos biolóxicos tamén, na xenética como unha sorte de presaber con que contamos, e que pulará para nos converter en seres dotados dun determinado perfil. Ora ben, do mesmo modo o fará a sociedade que nos rodea e coa interactuamos, para finalmente podermos dar no ser humano que representamos.>>

<<A faceta de investigador, crítico e filólogo, así como de profesor, do autor obxecto do noso estudo resulta tan relevante que talvez provocou que a súa obra artística de creación, quer poesía, quer teatro, quer narrativa, se vise eclipsada e até, en certo sentido, enmudecida ao longo de bastantes anos dentro das nosas letras nacionais. E é que acaso un exceso de filoloxización por parte dos debedores e herdeiros da inmensa sabedoría de don Ricardo Carvalho Calero, así como daqueloutros que abandeiraron a causa lingüística como case única, fosen, até certo punto, os causantes desta ocultación, inconsciente nos máis dos casos, mais do mesmo xeito igual de perniciosa. É esta a razón pola que nos vemos hoxe na obriga de ter que facer vindicación dun labor que, sen dúbida ningunha, é digno merecedor de poder pasar a un primeiro plano ou, se cadra, de lograr unha igualación neste infeliz e desafortunado desequilibrio de forzas.>>

Henrique Dacosta, Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético




OBRA COLECTIVA

  • RELATO


Muralla de Crescórnio, A Nosa Terra


PALABRAS DO XURADO (PRÓLOGO):


No relato premiado en primeiro lugar, "Sara Steel", coincidimos por unanimidade. Hai nel a elegancia e a distancia da boa traxedia. Que máis pode querer para si un relato? Ben merece abrir o libro.

Da "Radiografía dunha arroutada" gustounos a lixeireza, o humor e a habelencia narrativa para contar unha disparatada pifia terrorista. Tan irreal como a vida mesma.

Das "Palabras dun deus morrendo" valoramos o que había de esforzo de expresión coa linguaxe fluíndo a cachón. Unha fervenza de palabras arrastrando as angurias da protagonista.

E poderiamos seguir cos outros relatos que nos pareceron deberan ser tamén publicados, "Ricardo G. Greenfield", "Ruiva mulher de esperença", "Liesel", pero xa que non restaban máis premios que repartir e non nos vemos obrigados a xustificar o noso xuízo, preferimos que os leades ao voso aire.

Polo demais, nada. Moitos anos de vida para a cidade vella, tanto como para o seu novo premio de narración curta. Disfrutade da lectura e a saúde que non falte.



Ana Romaní
Antón Rodríguez
Suso de Toro






Seis ferroláns, Embora



SINOPSE:


Ferrol e a comarca son o nexo de unión dos seis relatos que conforman este libro singular. Seis relatos, seis voces, seis estilos e Ferrolterra ao fondo, presente dalgún xeito a través da maxia das palabras, recreando realidades e ficción. Xavier Alcalá, Rosa Aneiros, Vicente Araguas, Anxo Franco, Henrique Dacosta e Ramón Loureiro achegan á literatura galega con este volume o pouso do lugar propio.




Longa Lingua. Os Contos da Mesa, Xerais


SINOPSE:


Longa lingua xorde dunha proposta que ao tempo é un reto: escribir un relato co que tentar reflectir e interpretar a nosa realidade lingüística. O resultado: 18 narradoras e narradores que, a petición da Mesa pola Normalización Lingüística, poñen nas nosas mans a súa peculiar visión do noso idioma e da súa situación social, nun volume insólito que demostra unha vez máis que compromiso e literatura poden ir da man axudándonos a entender e interpretar o mundo que nos rodea. Porque, parafraseando a Rilke, a lingua é a auténtica patria dos galegos e galegas.




En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova, Toxosoutos



SINOPSE:


Este libro representa o verdito unánime de moitos escritores galegos en contra da tentativa de privatizar a parte do mosteiro de Celanova que ocupa o instituto, un ben que é patrimonio de todos e que está destinado ao seu mellor uso, a formación pública. É a voz clara da cultura contra escuros intereses especuladores.





Premios Pedrón de Ouro, Ediciós do Castro


PALABRAS DO XURADO:


ACÓRDASE:

1º) CONCEDER e por maioría o PRIMEIRO PREMIO DO "PREMIO MODESTO FIGUEIREDO" nesta súa XXII edición [...] á obra presentada co lema "SUBIR O TELÓN" [...] da autoría de MARÍA ESTHER FERNÁNDEZ CARRODEGUAS de Santiago de Compostela.

2º) CONCEDER e tamén por maioría os dous ACCESES, SEGUNDOS PREMIOS [...] ás obras presentadas co lema-título "O MONSTRO NO LABIRINTO" e do de "A COTA LÁCTEA" [...] de BEGOÑA PAZ REY da Coruña e de CÉSAR CARRACEDO POSE de Ferrol.

3º) O XURADO en uso das súas competencias tamén acorda recomendar para a súa publicación e sempre consonte co acordo das súas autoras ou dos seu autores, as obras presentadas co lema-plica:

1. "CRÓNICA DO GRAN NÚMERO"

2. "CUMPREANOS DO 73"

3. "CABO DO MUNDO"

4. "ESCALA RITCHER"



Asdo. David Otero / Secretario

Avelino Abuín de Tembra / Pte.






  • ENSAIO









<<Ernesto Guerra da Cal, grande das nossas letras nacionais —e quase desconhecido, atrevo-me a dizer, por esquecido—, foi e é infelizmente para o comum da crítica literária galega nom mais do que um suposto participador na factura da colectánea de versos Seis poemas galegos do poeta granadino Federico García Lorca e que a editorial Nós daria a lume em 1935. (Nom obstante, longe está da nossa intençom nestes momentos tentar arejar o que cremos está já excessivamente tratado e, achamos, até tergiversado, e que só o próprio Guerra da Cal é quem verdadeiramente tem a potestade absoluta sobre o seu esclarecimento se que isto for da sua vontade)>>






Do músculo da boca. Encontro galego no mundo. Latim em pó



SINOPSE:


Do 'Galego no Mundo-Latim em Pó' ficarom muitas cousas. Todas as pessoas participantes deixarom tantas entre elas e entre a cidade que qualquer balanço com vocaçom exaustiva seria inútil. Ao tempo, para quem se remete o desejo, caberá dar notícia das expectativas e dos futuros abertos.

A arquitectura destes caminhos sobre o mar e ar veicularem sonhos e necessidades, para que seja maior o fluxo da solidariedade e do desfrute, fijo-se também com materiais como estes que aqui estám: mais de oitenta participantes, antes, durante, imediatamente depois do Encontro, deixarom-nos as suas letras, às vezes sem rosto, outras com biografia incógnita, todas tránsito magnífico para o entendimento.

Sensaçons, comentários, reflexons, investigaçons entoados como o músculo mais forte: sobre o nosso poderoso transporte: a língua.



ELIAS J. TORRES FEIJÓ












SINOPSE:

O presente volume é froito dunha serie de actividades que se viñeron desenvolvendo en Ferrol nos últimos anos —nomeadamente o 2018— coa finalidade de achegarse á figura do ilustre catedrático ferrolán co obxectivo de insistir na divulgación de aspectos da súa vida e da súa obra, magna en todos os sentidos, xa que don Ricardo foi un galeguista que, ao longo de case sete décadas, desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, investigador, académico, docente, político... Tratábase de —como di o subtítulo—, Reivindicarmos Carvalho Calero como figura esencial que foi en diferentes momentos da vida política, cultural e literaria da Galicia do século XX. Unha persoa de honestísima traxectoria vital e profesional, desenvolvida en circunstancias adversas, marcada sempre por un profundo e permanente amor á súa terra, ao seu idioma e á súa cultura. 



PRÓLOGOS




<<[...] tres pezas teatrais dignas fillas de Eduardo Fra Molinero. Ingredientes clásicos aderezados con licenzas varias, verbi gratia, a da anacronía, para deste xeito conseguir un maior grao de efectismo, pois, á fin e ao cabo, que cousa é senón a comedia! Un subxénero que se perde case que na noite dos tempos, e que posúe —nada menos que máis dun millar de anos despois!— a mesma finalidade que xa posuía daquela; un subxénero, en suma, que naceu para facer rir e sabérmonos rir dos nosos propios defectos.>> 


Henrique da Costa, do "Prólogo" de 

Teatro popular. Irmandiñas / O parto de Calandrino / O converso de Ribadavia








SINOPSE: 


1[14]1 é un libro de poemas de ficción que se aproximan ao concepto de exilio, entendido este dende unha perspectiva máis ampla do que a simple expatriación. Fálase de persoas exiliadas na súa propia terra, das apartadas, censuradas, descontextualizadas, discriminadas. 
1[14]1 é tamén unha historia de amor que transcorre nun entorno hostil. Trátase dunha prosa poética que pretende dar un paso adiante para unificar os xéneros lírico e narrativo, como culminación dunha traxectoria na que o autor cultivou ambos os xéneros limando as posibles diferenzas existentes. O presente volume convértese nunha crónica dun tempo sen pretendelo, aproximándose ás grandes distopías da ficción que, co paso dos anos, volvéronse sumamente reveladoras. 
Cun prólogo de Henrique Dacosta que afonda na traxectoria poética do autor, convértese nun libro fundamental para achegarse ao mundo lírico de Alberte Momán Noval. 





TOPONIMIA



 

<<Unha clasificación

O que axiña chama a atención a quen queira mostrar un mínimo de curiosidade sobre algún aspecto da toponimia é se o tal nome de lugar posúe unha significación transparente, quérese dicir, se aínda significa algo concreto no momento actual ou se, pola contra, garda unha significación opaca, isto é, que non relacionamos con calquera elemento léxico xeral común da nosa lingua. Así pois, vaiamos sen máis demora á especificidade da toponimia motivo do noso estudo, a da parroquia de Serantes, para a cal podería caber a posibilidade da tal clasificación:


Topónimos transparentes: Areosa, Cancela, Outeiro, Vimbieiro, Souto, Terreo, Valado...


Topónimos opacos: Buíl, Menáncaro, Goimil, Mendelle, Quiá, Serantellos, Serantes...>>




                                    Henrique Dacosta, "Toponimia de Serantes", en Memoria histórica de Serantes










<<Breve introdución

Xa de por si o uso deste topónimo xenérico, Fóra de Portas1, acho trae debaixo do brazo unha carga intencional que nos conduce a un pasado case perdido do tempo dos nosos avós, e nos remite a unha realidade histórica que deberamos preservar. As portas da antiga poboación de Ferrol, aquelas que daban paso, ou ben o impedían, á nosa cidade, foran construídas no seu día polo enxeñeiro militar Sánchez Aguilera, xunto coa muralla que rodeaba a urbe, e estámonos a referir tan só ao barrio da Magdalena, así como ao de Ferrol Vello, Canido, Esteiro e Caranza. De modo que todo o restante do que hoxe ocupa o noso concello —aquí obviaremos, á parte dos barrios aludidos, os que pertenceron até 1940 ao extinto concello de Serantes— pasaría a formar parte deste eufónico topónimo, Fóra de Portas, non tan eufónico porén para algúns dos que moraban intramuros, ao ser utilizado pexorativamente para marcar con clareza todo individuo que proviñese do “exterior” e, en consecuencia, evidenciase a súa condición espuria.

1
Trátase dun topónimo transparente, extenso e en desuso, que debe ser consolidado para coñecemento de xeracións futuras. Fóra de Portas alude a todo o territorio que, pertencendo ao municipio de Ferrol, ficaría extramuros deste. O primeiro termo, Fóra, procede do adv. lat. FORA, “idem”; e Portas, do lat. PORTA “idem”; e pola mesma razón sería boa idea tentar reintegrar no nomenclátor, o top. Porta Nova, actual praza de España. O seu segundo elemento, Nova, tamén transp., procede do adx. lat. NŎVA “idem”.>>


 Henrique Dacosta, "A toponimia fóra de portas", en Memoria histórica do Ferrol fóra de portas: Praza de España, Recimil, Inferniño, San Xoán de Filgueira, Santa Mariña e Caranza

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos