Nada novo descubrimos se, como nos ten referido Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea , pomos en dúbida que estas dúas narracións de Wenceslao Fernández Flórez a que aludimos no título non fosen escritas orixinalmente en lingua galega polo seu autor. Ben ao contrario, tería sido Leandro Carré, director da revista Lar , e a xulgar polo afirmado polo polígrafo ferrolán, quen traducise realmente para a nosa lingua as dúas noveliñas, escritas previamente en español polo narrador coruñés, autor , entre outras, de Volvoreta ou de El bosque animado . Estamos a falar das novelas curtas A miña muller (1924), que sería o nº1 con que se estrearía a revista Lar, so a dirección de Leandro Carré Alvarellos, e d' O ilustre Cardona (1927), que faría o nº27 da devandita colección. As dúas narracións, e seguindo o xenio tan característico do seu autor, pertencen ao xénero humorístico. E así como “ todo verdadeiro humorista nace dunh...