Saltar ao contido principal

O ouro de Rande

O creador de ficción literaria acostuma tirar do fío dos episodios históricos de xeito habitual, é algo recorrente. Tanto aqueles episodios que teñan unha base sólida e coñecida como aqueloutros en que un halo de enigma lle poida servir de marco referencial. Estes últimos, abofé, apropiados cando o que se ha de procurar se antolla como inesperado. Así pois, os coñecidos galeóns de Rande, se cadra porque ficou na memoria colectiva de forma case que mitolóxica, son un destes episodios enigmáticos tan do gosto de moitos lectores. Sábese que aconteceu, como os navíos foron perseguidos e afundidos, sábese que alí durmitan embaixo de toneladas de lodo... mais pouco ou nada se sabe con certeza acerca do famoso cargamento de ouro que transportarían. A frota anglo-neerlandesa, corsaria por máis datos, tería decimado a franco-española e afundido sen resmisión á altura, "mutatis mutandis", da actual ponte de Rande.

O mesmísimo Xulio Verne, como é sabido, fai alusión a este feito en Vinte mil leguas de viaxe submarina. A ría de Vigo é un dos puntos onde recala o famoso somerxíbel do capitán Nemo, o Nautilus. A estatua existente hoxe en día diante do Club Náutico da cidade olívica dá fe desta alusión literaria e é unha homenaxe, xa que logo, a un dos literatos universais máis coñecidos. O autor valenciano Paco Climent utilizou ambos os elementos amentados, isto é, o ouro dos galeóns de Rande e a estancia —neste caso ficticia— de Xulio Verne na ría de Vigo. Trátase da novela que leva por título Cando Verne amarrou en Vigo. O mesmísimo Xulio Verne tería chegado no seu iate Flore en 1878, coincidindo no tempo cunhas prospeccións supostamente arqueolóxicas que a empresa inglesa Vigo Salvage Company está a facer na ría coa intención de conseguir o tesouro dos barcos afundidos. A tentativa de dous arqueólogos pontevedreses, mestre e alumno, por evitar o tal espolio, centra o obxectivo do relato.


A novela talvez posúa máis interese histórico e anecdótico que propiamente literario. A achega de documentación, recortes de prensa incluídos, tentan dar veracidade ao relato. O carteo do mestre, Wenceslao Viñal, con Emilia Pardo Bazán, as actividades de Xulio Verne, así como a mención ás primeiras prospeccións dos pecios por parte dunha compañía francesa realizadas antano, danlle unha maior verosimilitude se cabe. Garda certo interese o feito do primeiro prototipo de submarino, ou boia submarina, levado a cabo por Antonio Sanjurjo Badía, aparello empregado na novela para realizar un rescate. As actividades científico-tecnolóxicas da época en España tamén teñen cabida no relato, pois alúdese á tentativa de Isaac Peral por pór en marcha o seu somerxíbel eléctrico e o escaso interese mostrado daquela polo ministro do ramo.

Agora na súa sexta edición, Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, retoma de forma recorrente o citado tesouro presuntamente sepultado por toneladas de lodo na zona de Rande. Na novela, logo de moitas peripecias, o seu achado acaba por ser descuberto noutro lugar distinto, con aparencia de inesperado, pero que cheirabamos desde un inicio. As doses de narración de xénero, aventuras maiormente, adúbanse con analepses que nos retrotraen no tempo e condúcenos de hoxe en día ao 1702 da batalla de Rande, á Guerra Civil e ao 1940, co nazismo de por medio, cun barco alemán en Vigo. A procura do tesouro e os paus de cego seguidos até case o final do relato, serven ao autor para transportarnos até a illa de Ons nun par de ocasións e darlle protagonismo ao atractivo e temíbel Buraco do Inferno. O protagonismo fundamental, ao noso entender, cae definitivamente na narración máis do lado do elemento espacial, dos lugares pola que esta vai transitando que do protagonizado polos personaxes. O leitmotiv da narración céntrase desde un inicio en dar co tesouro dos arquicoñecidos pecios. Eilo. Materia esta, sen dúbida, que haberá de continuar dando xogo literario por ben máis tempo.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos