Ivo Andrić, Nobel de Literatura 1961 |
A historia que nos conta Ivo Andrić n'A ponte sobre o Drina non é unha historia ao uso. O protagonismo dilúese perante o número elevadísimo de personaxes que van desfilando ao longo das súas páxinas. A novela arranca no séc. XVI e prolóngase até o séc. XX, co inicio da Iª Guerra Mundial, precedida das Guerras Balcánicas. Se houbese que falar de protagonismos, este, sen dúbida, terá que recaer sobre a propia ponte, motivo do título da narración.
É importante írmonos familiarizando cos vocábulos que aluden a distintos elementos, sexa da propia ponte, sexa da cidade, sexa da sociedade conformada por distintas etnias, ademais de por confesións relixiosas. Višegrad é a poboación motivo do relato. Trátase dunha pequena cidade á beira do río Drina que, polo que nos conta César Antonio Molina no epílogo, é un afluente do Sava, que á súa vez o é do Danubio. Aquí, en Višegrad, outro río menor, o Rzav, tamén afluente pero do Drina, será relevante na configuración xeográfica do lugar:
[...] os barrios das aforas atópanse ás beiras da ponte, na ribeira esquerda do Drina e na ribeira dereita do Rzav. A vila está na auga.
Pero o río realmente substancial, crucial para a vida da cidade, é o Drina. A ponte que o cruza ten
dous elementos fundamentais que aparecen con moitísima frecuencia. Son a charsia, que se trata do
mercado, lugar que está ao pé mesmo da ponte e nun outeiro da kasaba. E será, por suposto, a kapia,
que son dúas terrazas simétrica situadas na parte central da ponte, e que se asoman a dereita e
esquerda desta.
A terraza da dereita vindo desde a vila chámase sofa, e álzase sobre dous chanzos. Está rodeada de bancos [...]
A kasaba a
que acabamos de aludir, non é outra que a propia vila, é Višegrad,
prescindindo dos barrios e aldeas que a poden circundar.
Talvez
sexa relevante marcar o feito de que os cristiáns vivan na marxe
esquerda, mentres que os musulmáns o fagan na dereita. Outras son
tamén as comunidades que alí moran, e estámonos a referir aos
xudeus, e importante haberá de ser igualmente a comunidade xitana.
Con todo, serán cristiáns —denomínanse a si mesmos serbios,
mentres que os musulmáns lles chamarán a estes godos e infieis— e musulmáns
—os serbios chámanlles polo nome de turcos— as dúas comunidades
máis numerosas e significativas e, en consecuencia, as que leven o
peso da narración.
ponte sobre o río Drina |
Xa
desde un inicio fica ben claro que os rapaces serbios e os rapaces
turcos interpretan ditas lendas de maneira ben distinta, de modo que
a sociedade xa se ve facilmente diferenciada mesmo na inerpretación
simbólica infantil. Así pois, as marcas que existen
nunha pedra, que son supostamente de guerreiros mortos, son ferraduras de Šarac,
cabalo de Kraljević Marko, para os nenos serbios, mentres que para os nenos turcos pertencen ao poldro alado de Djerzelez
Alija.
O
malvado Abidaga, emisario do visir para supervisar as obras da ponte,
disque sentira unha voz que lle falaba desde as augas. Esta
aconselloulle que debía encontrar a dous xémeos, aínda lactantes,
chamados Stoja
e Ostoja.
Logo debíaos emparedar dentro da ponte e así rematarían as súas
coitas. Máis adiante falarásenos desta lenda.
A
construción da ponte comezara xa con sangue. De feito, Radisav
opúxose á vontade do visir. Este rebelouse ao mandado que obrigaba
á práctica escravitude das xentes na construción da obra. Radisav
dicíase que tiña un talismán que o facía invulnerábel, mais
nunha noite foi pillado durmindo e estrangulárono. Este rebelde,
venerado polos serbios, crese que está enterrado nun túmulo da
ribeira esquerda, xunto ao camiño. Os turcos, polo seu lado, falan
de que alí morreu por martirio un
dervixe, a quen chamaban o xeque Turhania, grande heroe defensor do paso do Drina contra un exército de infieis
O
certo é que na kapia, e até 1878 aforcábanse ou espetábanse
cabezas de todos os que foron executados por diversas razóns.
bacía do Danubio central |
No
cap. III vemos un torvo individuo, Abidaga,
enviado especial do visir para a construción da ponte, ademais de
vaidoso e carente de clemencia. O mestre construtor será Tosun
Efendi. A obra era penosísima. A xente
era recrutada á forza para construíla e Abidaga comportábase de
maneira severa. Os turcos acabados de converter sentíanse fartos desta
dominación e abuso. É aquí cando se nos conta a rebelión que
provocará Radisav. A obra, xa que logo, sufría sabotaxes polas
noites, de maneira que non daba avanzado. A historia dos xémeos
Stoja e Ostoja tamén se relata aquí, tradición que correu como a
pólvora entre as xentes, o que as augas lle dixeran a Abidaga para
solucionar o mal. O caso é que unha muller deficiente, dunha aldea
da montaña, a cal parira dous fillos mortos, foise instalar á
ponte, na que xulgaba tiña os seus nenos encerrados. Tratábase de
Ilinka a Tola,
muller que ficou a vivir a carón da obra.
O
xefe das sentinelas foi incitado por Abidaga a descubrir o cabecilla
que provocaba as sabotaxes. Radisav, finalmente, foi capturado. Baixo
tortura, realizada polo cigano Merdžan,
confesou. As torturas resultaron brutais. Tenaces ao roxo,
estacas..., até que definitivamente foi empalado e colocado nun
madeiro encima da ponte para que, como escarmento, fose visto por
toda a xente.
No
cap. IV, logo dun día enteiro de sufrimento, Radisav morrerá.
Abidaga manda que o tiren aos cans. Merdžan o Cigano sería o
encargado, mais uns compañeiros da obra queren darlle sepultura
cristiá a Radisav. Conségueno logo de subornáreno. Abidaga,
demorando a obra máis do agardado, será substituído por un novo
enviado do visir, Arif Bei.
Súmase a Tosun Efendi outro mestre, de Dalmacia, Antonio.
Á obra da ponte hai que lle engadir agora a da construción do
karavan-seraj,
[...] unha pousada na que os viaxeiros vindos de lonxe que cruzasen a ponte atoparían albergue para eles, para os seus cabalos e para as mercadorías se os sorprendía a noite.
Nunha placa fixada na kapia deixárase constancia de que a obra pía da ponte fora
rematada no ano 979 da Héxira, isto é, no 1571 da era cristiá.
Houbo festa de sona para a inauguración. Así pois, tanto a ponte
como o karavan-seraj conformaban a fundación pía do grande visir, o
paxá Mehmed. Os gastos do karavan-seraj eran sufragados a través do
vakuf, que
era a institución otomana encargada do mantemento das fundacións
pías, que neste caso procedían dos grandes tesouros e propiedades
procedentes dos novos dominios de Hungría.
O
cap. V refire a ruína do karavan-seraj. As tropas turcas estábanse
a retirar de Hungría, de modo que a fundación pía de Višegrad
ficaba sen cartos que a sufragasen. Naquela altura —estamos a falar
de finais do séc. XVII—, o seu administrador era Daut
Hodža Mutevelić. Prodúcese unha
grande inundación, unha chea provocada polos dous ríos que anegarán
a kasaba. Todos os habitantes nese momento reúnense en sa harmonía,
amigan e relátanse anécdotas e contos para tentar mitigar o medo e
o tempo pase máis rápido. A eles xuntáselles Kosta
Baranac, home forasteiro que se
asentara na kasaba e fixera bos negocios coas noces e as ameixas,
mais agora perdera todo, o cal aínda estaba sen pagar. O pope
Mihajlo e
Hadži Liačo
foron os que, por idade e relevancia social, tentaron animar a
concorrencia. Acontecía isto a finais do séc. XVIII.
No
cap. VI, logo da chea do río que vimos de relatar, prodúcese a
revolta serbia no Paxalado de Belgrado. Chegará até as mesmísimas
portas de Višegrad. O xefe da insurrección serbia contra os turcos
foi Karadjordje,
‘Xurxo o Negro’. Non obstante, lógranos repeler. Os
turcos estabelecerán un destacamento permanente na ponte, ao ser
punto estratéxico de máxima relevancia. A represión foi dura. De
feito, un tolo que se dedicaba a visitar igrexas e mosteiros,
Jelisije,
será matado xunto con Mile,
un leñador que fora collido cantando unha canción proserbia.
Hajrudin,
o verdugo, era o encargado de axustizalos. Tratábase dun anatolio de
forte complexión. Un día apareceu alí pendurada a cabeza do
mesmísimo pope Mihajlo.
No
cap. VII xa nos adentramos nos mediados do séc. XIX. O Imperio
Otomano retrocede. En Serbia, un decreto imperial ordenaba que Miloš
fose o encargado de administrar serbia en nome do sultán. Á súa
vez os turcos de Serbia foxen para Bosnia. Fálasenos da figura de
Salko o Chosco,
que era fillo dunha cigana e dun militar anatolio. Era un home de
todo o pobo, pois criárano entre todos. Era bébedo, bondadoso,
excéntrico e feliz.
No
cap. VIII cóntase a historia de Fata
a de Avdaga. O fillo de Mustaj Bei
Hamzić, Nail
Bei, foi o primeiro en lle botar o ollo
a Fátima a de Velje Lug. El quérea como esposa, mais ela non o
quere a el. No entanto, Avdaga ten débedas e Mustaj Bei Hamzić
proponlle axudalo para saldar as contas. Logo diso, era claro que a
filla de Avdaga debía de acceder ao casamento con Nail. Casárona.
No día da voda, cando ía camiño da súa nova casa, descabalgou do
cabalo, púxose no beiril da ponte e guindouse ao río. Fátima
afogou.
No
verán de 1878, cóntasenos no cap. IX, o exército austro-húngaro
está a chegar ás portas da cidade. Os turcos falan da necesidade de
se defenderen, pois trátase dos infieis que lle queren tomar o
territorio. Ali Hodža,
ao igual que tantos outros turcos do lugar, están en desacordo con
tomar as armas contra o novo imperio. Osman
Efendi Karamanlia, porén, é favorábel
ao enfrontamento armado, o cal provoca a tensión con Ali Hodža.
Este proviña de Plevlje e tiña consigo un
retén de guerrilleiros. As tropas austríacas, en agosto, estaban a
punto de entrar na kasaba. Karamanlia, canso de se enfrontar á
tenacidade de Ali Hodža, mandouno atar a un poste de carballo que
estaba na kapia e ordenoulle a un servente que lle cravase unha
orella ao poste. Entraron as tropas austríacas e descraváronlle a
orella do poste de madeira.
No
cap. X as tropas austríacas están a tomar asento na kasaba. O
alguacil chamará os máximos representantes das igrexas, ao mulá
Ibrahim, a
Huseinaga,
que era o muderis
—xefe dun seminario musulmán—, ao pope Nikola
e ao rabino David Levi,
que debían agardar ao mediodía ao comandante austríaco na kapia,
para presentarlles os seus respectos en nome da poboación, e irían
despois até a charsia. É interesante observar a desconfianza de
todos con todos, así como a sensación que lles provoca aos
do lugar ver como o exército austríaco é disciplinado e organizado.
soldados do exército austro-húngaro |
A
kapia tomou novos folgos a partir deste momento, tal e como se nos
relata no cap. XII. Así mesmo, introdúcense elementos de ocio
diferentes aos que había. Na pousada de
Ustamujić fanse apostas ás cartas. Milan
Glasinčanin frecuenta o local. Alí
encontrarase un bon día cun xogador que lle gaña a todo o mundo.
Cae no vicio. Déixase levar pola aposta e
pérdeo todo, tanto o diñeiro como a casa, mesmo a alma. Isto último
acontece na kapia. Cando se ve perdido perante o xogador invencíbel,
fecha os ollos véndose xa sen vida perante o demo. Unha rafa de
vento leva as cartas, abre os ollos e alí non hai ninguén. Estivo
doente na cama durante meses, mesmo lle chegaran a dar a extrema
unción.
Os sábados reúnense na kapia os comerciantes
xudeus. Bukus, o fillo do barbeiro Avram Gaon encontarará un ducado, que é o que
Milan Glasinčanin perdera na ponte. Tratábase do ducado endemoñado
que levará a Bukus a ilo gastar a Ustamujić.
O
servizo militar obrigatorio fora implantado para Bosnia e
Herzegovina, por parte do imperio, tal e como se nos conta no cap.
XIII. É momento de revoltas e, de feito, en Herzegovina xúntanse
serbios e turcos para combateren os austríacos. Non
así en Bosnia, polo menos en Višegrad. Cóntasenos un episodio
relativo a un rapaz ruteno, natural da Galitzia oriental, formando
parte dos Streifkorps. Chamábase Gregor
Fedun e facía garda na kapia.
Tratábase dun home moi alto, forte, aínda que de pouco espírito.
Córrese a voz de que un bandoleiro, Jakov
Čekrlija, pasara de Herzegovina para
Bosnia e que se achaba nalgún lugar preto de Višegrad. A vixilancia
era tediosa, e só o paso dunha moza turca, a cal a cruzou varias
veces, foi quen de tiralo do aborrecemento. Entrementres, Stevan,
o outro soldado ao cargo da kapia, durmiñaba sempre. O caso é que,
e pese aos condicionamentos sociais que impedirían calquera asomo de
achegamento a unha rapaza turca, olláronse cunha certa complicidade.
Mesmo ela lle chegará a falar e diralle que ten que ir xunto da
avoa. Logo, supostamente, cruzará con esta, pero descubrirase que se
trataba do bandoleiro escondido por baixo de roupaxes e veos. Esta
artimaña será descuberta e Gregor Fedun, que vai ser castigado
mandándoo para outro lugar menos calmo, tomará a decisión de
matarse desferrando un tiro de fusil.
No
cap. XIV estase a falar da historia de Lotika.
Trátase dunha xudía, procedente da Galitzia oriental, da cidade de
Tarnów. É viúva e rexenta un hotel cabo da ponte. Alí reúnense
con frecuencia personaxes curiosos e acode tamén Ejub,
un home que está namorado dela. Outro dos que sempre soe visitar o
hotel é Ali Bei Pašić.
Lotika é muller de forte carácter, bonita e, sobre todo, de
grandísimo corazón, xa que se preocupa da extensa familia que ten
en Tarnów, á que axuda economicamente. Estamos, agora, nun período
de estabilidade política.
No
cap. XV cóntase sobre a taberna do Zarije. Trátase da alternativa á
de Lotika, moito máis afamada. De feito, cando un cliente é botado
desta, acode regularmente á de Zarije, cuxa actitude acostuma ser
moito máis permisiva. Dinos así o narrador:
O momento máis animado tiña lugar cando na taberna se xuntaban os comerciantes máis novos da vila e os fillos dos ricos. Entón non daban abasto Sumbo, Franz Furlan, o Chosco e Šaha a Cigana. [...] Eles vivían da festa, das bromas e da augardente. O seu traballo dependía da perda de tempo e dos gastos dos demais e a súa verdadeira vida desenvolvíase na noite [...].
Alguén desde unha esquina da taberna conta unha historia referente a
Salko o Chosco.
É a historia de Paša,
unha moza fermosa, pobre e orfa de pai. Disque un día foran varios
facerlles as beiras a un grupo de mozas que estaban detrás dos
valados dunha casa. Lanzaron desde alí un ramallo de herba
lombrigueira, que caeu aos pés do Chosco. Este episodio deu para
facerlle crer que a moza, Paša, quería algo del, que ela estaba
namorada del. Pasaba o tempo e el cría o que lle dixeran. Mais un
bon día, un próspero comerciante, Hadži
Omer, casado pero que non é quen de
ter fillos, decidirase ir pedir a man de Paša, cousa que lle é
proposta pola propia muller co fin de solventar o problema de atinxir
descendencia. A partir de entón as burlas foron medrando, o Chosco
bebía máis e máis ron convidado pola xente que ía á taberna.
Inclusive incitábano a que se matase, de maneira absolutamente
cruel. Unha noite mesmo argallan unha historia conforme o Chosco
recibía unha herdanza dun descoñecido oficial turco, natural de
Bursa, que lla deixa ao seu fillo natural, que non é outro que
Salko. Chéganlle a levar un pasaporte falso outro día. O máximo
dos paroxismos será cando se dirixan andando pola ponte e el suba ao
peitoril e camiñe por el, dun extremo a outro, borracho, até que
chega ao final sen que caia.
As
enormes transformacións sociais veranse a partir deste cap. XVI.
Pasaron vinte anos desde o acontecido no anterior capítulo. Sábese
da morte da emperatriz Isabel por un anarquista italiano, Lucheni.
Isto dá para os nenos se meteren co mestre Antonio, un italiano que
vive de hai moitos anos en Višegrad. A ponte vai ser limpada. De
feito, hai un momento en que se desvía o curso do río para
asentaren mellor os piares e reforzar contrafortes. No lugar en que
se supón moraba un Mouro, nun dos piares, os rapaces ficaron
desencantados, pois nada máis que se retiraron grandísimas
cantidades de escrementos de paxaros. Ali
Hodža, o máis excéptico dos
musulmáns ás mudanzas que trouxera o imperio, ve con receo o que se
lle está a facer á ponte. Intálase a traída da auga, por
consideraren que as augas do río non son potábeis. O camiño de
ferro tamén chegará até a kasaba, o que provocará mudanzas e
transformacións comerciais moi importantes.
tempos convulsos en Bosnia-Herzegovina |
Estamos
no ano 1908, no cap. XVII, e no que as inquedanzas polo que poida
acontecer son substanciais. De feito, enteirámonos de que a ponte
está sendo minada polas tropas austríacas. Ali Hodža téntao
saber, pois lévase en segredo; todo fora tapado con lonas, e acábao
por coñecer por medio de Muhamed
Branković, que chegara a ser asistente
de campo en Viena, membro do exército imperial pois. O goberno
imperial está a dar poderes autonómicos a Bosnia e Herzegovina, en
previsión seguramente das tensións que está a haber. Os partidos
de índole nacionalista nacen en Sarajevo, así como outros de
natureza socialista, etc.
As
guerras balcánicas, sucedidas entre 1912-1913, darán logros a
Serbia. O Imperio Turco irá cedendo cada vez máis territorios, e a
fronteira vai ficando máis e máis lonxe. Á súa vez a
confrontación co Autro-Húngaro é tamén de notar. As novas ideas,
a mudanza social que se está a experimentar é moi importante. Os
vellos turcos, os que tiñan máis de setenta anos e vivían baixo o
dominio otomano, ollan todo con verdadeira preocupación.
Esta
nova mentalidade vémola a través da xente máis nova no cap. XIX.
Janko
Stiković estuda ciencias
naturais en Graz e é poeta, articulista, e fai parte da xuventude
revolucionaria que publica en revistas de Praga e Zagreb. Doutra
parte está Nikola Glasinčanin,
mozo delgado e pálido que tivera que deixar os estudos secundarios
por causa da pobreza, os maos resultados e a saúde precaria. Entra
en escena a mestra Zorka,
coa que ten unha primeira cita Stiković, e na que se comporta de
maneira egoísta, logo de se aproveitar impulsivamente dela. Nikola
está namorado de Zorka e sente envexa de Stiković, con quen
coincide un día que está a conversar un grupo na kapia. Xa de
noite, ficarán ambos alí sós. Calados, asisten sen que os vexan, á
conversa doutros dous rapaces que acaban de sentar e están sentados
noutro lado. Son Galus,
un poeta e orador, rival de Stiković e Bahtijarević,
calado e reservado. Este último, musulmán e fillo dun bei, non
procede do lugar. E Galus é fillo dun funcionario procedente do
Burgenland, pero moi integrado na vida da kasaba. Galus fálalle
acerca da condición dos turcos, aínda que Bahtijarević non o toma
a mal. Logo de que estes últimos se vaian, entran en conversa os
dous pretendentes de Zorka. Fala máis Stiković que Nikola e este,
logo de moito escoitalo, acáballe por reprochar, con medias
palabras, o que fixera con Zorka. Pasan uns borrachos pola ponte,
entrementres se ve luz no hotel de Lotika. Entre os borrachos está
Pecikoza,
do que se contaba un episodio semellante ao de Salko o Chosco cando
fixo equilibrios polo muro da ponte.
No
cap. XX fálase das mudanzas nos costumes da cidade. O hotel de
Lotika está en declive. De feito, os oficiais tiñan o seu propio
club e Terdik,
unha persoa recén chegada a Višegrad, montara un negocio que
resultou ser un prostíbulo. Ademais, os problemas de Lotika van a
máis, pois os parentes reclaman máis axudas, e mesmo algún que
medrara grazas a ela, non quere agora axudar os seus parentes máis
necesitados.
Estamos
en 1914, no cap. XXI Stinković leva tempo fora de Višegrad e
envíalle cartas espazadas a Zorka. Estas están desprovistas de
sinais amorosos, polo que Zorka acaba por comezar a saír con
Glasinčanin. Este quere ir máis en serio con ela, e proponlle irse
con el para América, pois alá conta cun amigo que lle buscará
traballo. As cousas non andan ben en Bosnia. Zorka pídelle un tempo
para pensalo.
No
cap. XXII prodúcese o atentado contra o arquiduque Francisco
Fernando e a súa muller en Sarajevo.
Declararáselle a guerra a Serbia. Ao día seguinte comezarán a
patrullar pola cidade os Schutzkorps, formados en Višegrad por un
fato de ciganos, borrachos e lacazáns. É interesante a
conversa de dous turcos con referencia á situación bélica.
Uns soldados húngaros matan a uns aldeáns en xuízo sumarísimo. Un
canón serbio desde o monte Panos non para de disparar contra a
ponte.
asasinato do arquiduque de Austria |
Poucos ían ficando xa na cidade. Lotika deixara o
hotel e instalárase de prestado na casa abandonada dun turco e coidaba da súa cuñada, doente polo pánico. Ali Hodža segue
abrindo a súa tenda até que lla mandan fechar. Tamén a de Pavle
Ranković, a quen tomarán como refén
os austríacos, alén doutros serbios sobranceiros. Fusilaríano caso
de que a ponte, que estaba minada desde había moitos anos, fose
detonada. Outros reféns debían facer vixilancia nela, e os
restantes na estación dos camiños de ferro.
No
último capítulo, no XXIV, a cidade está sendo progresivamente
abandonada polas tropas austríacas. Ali Hodža, desobedecendo as
ordes das tropas, métese igual na súa tenda. Tal e como tiña feito
durante tantísimos anos, séntase no cuartiño escuro, case como un
cadaleito, para reflexionar e agardar ao que suceda. Ao cabo dun
tempo prodúcese unha enorme explosión. Xúlgase morto, pero
erguerase e sairá para fóra. Caera unha grandísima pedra branca,
igual ás da ponte, encima do seu negocio. A ponte fora destruída
nun dos seus extremos. Os serbios gañaran a batalla e entraban en
Višegrad. Ali Hodža, logo de tantísima emoción, regresa á casa
subindo a pronunciada encosta. Mentres sobe, pensa na ponte. A ponte,
obra pía e destina por tanto a Deus, foi destruída. O símbolo que
tanto representaba para el morreu, e el morrerá no camiño a Mejdan,
sentindo que a súa vida xa tampouco ten sentido.
Ivo Andrić |
A MODO DE CONCLUSIÓN:
Temos que recoñecer que non estamos perante unha novela ao uso —se cadra, unha sorte de conxunto de relatos novelado ou costurado para ser
novela—, pero si perante unha narración colosal, de referencia para
quen queira coñecer a historia deste territorio tan convulso de
centro Europa situado nos Balcáns. Grazas á maxistral e sinxela
prosa de Ivo Andrić, adentrámonos nos porqués do que veu suceder
logo da morte de Tito, onde están as fontes do conflito, xa que a conformación do
propio espazo, así como da sociedade é o suficientemente complexa
como para entender que a convivencia non é aquí asunto fácil. Ivo
Andrić, con todo, tenta dar unha visión medianamente obxectiva
―dentro do obxectivo que pode ser para unha persoa que é propia do
lugar― para que o lector tire conclusións sobre o que significan os Balcáns. Turcos ou musulmáns (tanto os xa nacidos en Bosnia como
os propios otomanos), serbios, xudeus (tanto os de vello xa, que son
sefarditas, como os akenazís procedentes da Galitza), xitanos e,
aínda con máis posterioridade, aqueloutras comunidades procedentes
doutros territorios austro-húngaros, van formando este incríbel mosaico, e consolidando unha
extraordinaria prosa que, en aparencia, parece tarefa moi difícil de
conxugar. A fonda carga histórica que arrastra, así como tantas
emocións e puntos de vista, relacionados coas crenzas relixiosas e
comunidades diferentes que conviven no lugar, é narrado dun xeito sinxelo pero magnífico polo premio Nobel de literatura, Ivo Andrić.
http://t.co/llzRnd5XSz
http://t.co/llzRnd5XSz
Comentarios
Publicar un comentario