Pasmamos ao vela. Esta obra arquitectónica de Jenaro de la Fuente, a escaleira principal, imprime magnificencia ao edificio. Tal e como correspondía aos estabelecementos balnearios do momento, o Gran Hotel de Mondariz tiña de ser do gosto dos usuarios e estar en sintonía co que era tendencia na época. Así pois, a obra merecedora do <<XIV Premio Risco de Creación Literaria>>, As escaleiras do Gran Hotel, tómaas Rubén Martínez Alonso como título e, nun certo sentido, até atinxen relevancia abonda na novela. Carolina, protagonista do relato xunto a Tomás, séntese atraída por elas tan logo chegue por primeira vez ao balneario desde Vigo:
E subiron ata o primeiro piso, que aquí estaba despois do entresollado e o principal, seguindo o caprichoso deseño duns alfombrados chanzos que, logo de recibilas a un e outro lado da triunfal arcada que servía de embocadura, celebraban a súa unión suspendendo o percorrido, e desde ese airoso lugar, prodixio de enxeñería, volvían asinar o seu divorcio ata a vindeira volta.
A rapariga sobe polos chanzos en compañía da súa avoa, á que acompañará na súa estancia no balneario, e faino porque a familia a tenta afastar de algo que descoñecemos pero que se deixa intuír.
Por iso, Carolina, que iniciara o ascenso en compañía da avoa, en canto tivo a oportunidade de escoller, non titubeou:
—Agora vou por aquí. —Pois quería saber que se sentía ó facer iso.
Pero o destino volveunas unir no seguinte andar, o principal, censurando así aquelas ansias de liberdade.
As escaleiras véñense transformar en elemento simbólico, sexa polo afán de liberdade que vimos de ver e que agroma en toda a obra, sexa polos dragóns, os fanais que adornan os pasamáns, seres máxicos que custodian e falan do que teñen visto no hotel no transcurso dos anos.
Carolina e Tomás vénse enleados nunha sorte de intrigas que acontecerán entre xullo e agosto de 1928. Ese tempo é o que dura a estadía de ambos no balneario. Estamos na ditadura de Primo de Rivera e estase a fraguar un atentado contra a súa vida. Don Miguel visitará o complexo terapéutico en breve e o contubernio para o magnicidio escenifícarase nel. A calidade do estabelecemento, así como as innovacións terapéuticas de que se vale, foran afamadísimas na época, tanto na Galiza como no resto de España, e até no estranxeiro, pois personalidades de importante rango acudían a el: a infanta de Borbón, Isaac Peral, Castelao, Pardo Bazán, José de Echegaray e o mesmísimo Rockefeller, entre outros.
O bon facer como historiador de Rubén Martínez Alonso evidénciase na súa escrita, conseguindo un encadre social e histórico inmellorábel. O ambiente plasmado trasládanos a esa idea aburguesada que podemos ter dos anos vinte do século pasado: as vestimentas, os bailes e músicas de jazz, as decoracións, os modais das xentes, os vehículos, as relacións sociais, etc. O enorme clasismo percíbese neste ambiente plasmado tan a propósito, así como as grandes desigualdades sociais que se dan.
O persoal estilo narrativo do autor, tan intenso por veces, fai que todo o xogo de analepses e prolepses que abundan no relato consigan que o texto sexa dunha agradábel lectura. As mudanzas dos tempos na acción prodúcense de xeito natural, sen brusquidades. Rubén Martínez Alonso, en definitiva, ten ben tomado o pulso ao ambiente e aos acontecementos que se van sucedendo co transurso do tempo, de modo que o balneario de Mondariz se converte así en testemuña dunha dilatada época, mesmo rememorándose o pavoroso incendio que ha de sobrevir en 1973. Balneario que sería o suposto Burbida dos romanos, e do que nacería a idea de 'burbulla' e 'burbullar':
Temperamental e irascible, co seu poderoso tridente fixo abrollar o manancial aquel ó que todos chaman NEPTUNO, deus do líquido elemento, facendo en Burbida explosión o gas carbónico co que seu irmán PLUTÓN unxira a auga ó seu paso polo Averno, onde Proserpina contaba os días que aínda lle restaban para reencontrarse coa súa desolada nai Ceres.
E deste xeito vanse incardinando na narración esoutras partes explicativas e mitolóxicas que fan progresar a narración desde a tentativa fallida de atentado contra Primo de Rivera até a relación amorosa entre ambos os protagonistas e que non ha de callar nunca. A Segunda República asoma ás páxinas a través dos conceptos liberdade e feminismo, este último representado a través da figura de Carolina, quen, en palabras do propio autor, se revolve contra o modelo tradicional de familia e loita pola súa independencia persoal, económica e intelectual.
Comentarios
Publicar un comentario