Poesía afianzada na mesma forza que o seu río, o Eume, ou que nas inmensas lagarteiras, as espectaculares mareas vivas do verán que tanto nos asombrarán sempre. Así, asíndose á vida, xa for nese "fragmento cúbico de chuvia que escribe sen percusión posible" o seu ciclo da auga, da vida en fin, trazada con todas as súas arestas; xa for no eu ontolóxico que tenta aprehender a casa que foi e que o paso do tempo levou consigo: "A onde irá esta pel do tempo / envolta en corrosivas ondas?"; xa nas cicatrices que a idade vai deixando cal amósegas: "Miro a foto da nena / tanto tempo extraviada [...] / fáltanlle aínda os anos / da invisible cicatriz".
Eva Veiga abunda de novo nesa expresividade tan propia, cada vez máis depurada, pura, libre de ornamentacións, cuxo afán é a procura da esencialidade da palabra, da mensaxe, e que xa no seu anterior poemario se fixera máis patente que nos seus precedentes se cabe. Referímonos a A frecha azul do teixo. Algunhas composicións, de feito, semellan practicamente aforismos. A capacidade de síntese vémola, por exemplo, con clareza en:
ESPAZO:
aínda escura crepitación do tempo
Poema sensorial, brevísimo, sorte de sinestesia.
na cicatriz
dunha pinga de auga
sobrevivir
O rastro da vida que retorna transformado noutro ser.
PASAS
quedándote.
Esa nube.
En que latexa o desexo de aprehensión, de reter o tránsito do tempo.
O propio título do libro entraña unha certa complexidade, prodúcenos unha sorte de estrañeza. O poema dedicado a Margarida Ledo en que se di "as unllas / perforando / a distancia do tambor" pode, quizá, acharse a explicación. O tambor o máis probábel é que aluda á metáfora da guerra, que se pretende ou quere —inútil pretensión— distante. Esa guerra cruel, encistada e larvada en determinados territorios como este de Palestina en que se socavan os seus propios alicerces:
mahmud darwish tiña un limoeiro en Palestina
e os seus ollos non volveron ver a primavera
Meninas de Canido (Ferrol) |
Os poemas de Eva Veiga nútrense de dor, de berro xordo, de angustia e de denuncia. A muller como motivo central, como ser obxecto de sevicias, de maltratos, de negacións. A muller de Malí, composición que vai a continuación desta comentada, que remata con esta impactante pregunta:
quen necesitará uns pés tan fríos?
Alusión á muller que xace xa morta no chan logo da brutal agresión sufrida e coa cántara que foi a rolos no camiño.
No entanto, a muller como motivo poético non é simplemente a do terceiro mundo. Tamén é esoutra muller do noso, do primeiro, próxima pois, que non encontra saída á dor que o corpo vai cosendo. Esa muller que fica anulada, que cae reiteradamente na rede do seu maltratador. Estámonos a referir, en concreto, ao poema número 23.
O verbo faise carne. Eva Veiga aprópiase, fai súas as palabras bíblicas:
e coa miña cabeleira vermella,
rexurdo das túas cinzas
e volvo ao principio do poema
para salvarme nunha oración copulativa
que abrolla xa e aínda sen predicamento:
Deus
son eu
A poesía de Eva Veiga dialoga coa nosa tradición. Agroman nela ecos manuelantonianos, quer polo emprego de certos elementos oximóricos ("O sangue é un tacto branco que foxe da loucura. / Durmir como a madeira de volta á praia"), quer polas aparentes disonancias dalgúns tecnicismos aos que se lles presuporía pouca aparencia lírica, aquí deslixitimada ("Palabras / prehistóricas /subatómicas / tecendo/ un silencio de galaxias"). E, por suposto, tamén os ecos rosalianos, alusivos á concepción metafísica, á materia que non desaparece, á vida transformada nun outro ser distinto, alén de toda a carga simbólica de que se vai ela nutrindo ("xazo/ baixo a néboa // a luz/ disólveme// e fica").
Con A distancia do tambor, Eva Veiga gañou o XIV Premio Fiz Vergara Vilariño de poesía convocado pola asociación cultural Ergueitos de Sarria. Editado por Espiral Maior, con capa de Alfonso Costa, sobresae nel a nuez da palabra e a ausencia de aditamentos que puidesen distorsionar a procura da emoción, cuxos nós temáticos xiran á roda do tempo, da figura da muller, e das cicatrices que a memoria vai deixando, así como o espazo entendido como unha sorte de ser vivo. Chaves estas, en definitiva, da mellor poesía que Eva Veiga nos ten ofrecido até este momento.
A poeta de Ombre Eva Veiga |
Comentarios
Publicar un comentario