Saltar ao contido principal

O Cabo do mundo: algo máis que un balcón ao Sil

Carlos Pereiro ten 47 anos e un cancro terminal. Decide, aínda non sabemos por que, escribir unha novela que terá que ver coa memoria histórica. Comezará a indagar sobre uns feitos acaecidos a raíz do enterro de seu pai, Serafín, alias o ‘Teixo’. No cemiterio alguén, un tal Curuxás, como logo saberá, chamará ao defunto ‘asasino’. E aquí estará o detonanate para así Carlos, tamén coñecido como Charli, iniciar unha complexa, difícil e tola viaxe cara ao pasado, no tempo do comezo da Guerra Civil española. O porqué de que se decida a escribir a novela débese a que Reina, un importante amigo que lle xurdirá ao longo das súas investigacións, o anime a que todo o poña por escrito, mais como ficción.

Eis o inicio da moi recomendábel e intensa narración que Xabier Quiroga publicou en 2009. A procura da verdade sen concesións para tentar saber quen é un mesmo, e a pesar de que poida acarrexar até funestas consecuencias, está presente no relato. Tamén o horror da represión franquista, tentando desenmascarar o seu lado escuro, tanto o que vén dado polas motivacións políticas como polas de índole persoal, que así mesmo as houbo. O fracaso vital e amoroso, vese recompensado unha vez desvendado o que se escondía tras as sospeitas, alén de o protagonista achar por fin un amor incondicional. Estes son algúns dos eixos temáticos sobre os que xira a acción do relato. 

Xabier Quiroga manexa con soltura o seu personaxe principal, de arredor do cal vai colocando outros personaxes críbeis que van enredando o relato até convertelo nunha verdadeira crónica do noso pasado máis truculento, descoñecido e negro. O pasado destápase para darse a coñecer de maneira que o protagonista, Carlos Pereiro, poida descansar tranquilo, pois está a piques de morrer por causa dun cancro. A novela é crúa, sen lugar a concesións, como dixemos. A linguaxe é directa, chea de sabor popular e non exenta de palabras malsoantes e coloquiais que lle dan maior veracidade ao discurso narrativo. Os seres que retrata son seres, moitos deles, torturados, perseguidos polo seu pasado. Con todo, a tranquilidade tamén é capaz de morar noutros, tal é o caso de don Evaristo, cacique que se sabe intocábel, e quizá Ramón Pallares. 
canóns do Sil

A dureza de corazón, o hermetismo con que queren chegar á tumba é a metáfora do que aínda somos capaces de observar na propia sociedade en xeral, sen unha palabra máis alta que outra, sen delacións de ningún tipo nin manifestacións que desaten rancores nin odios pasados, coma se o medo continuase a morar en nós. O protagonista vive unha dobre tortura, tal é o caso da descuberta que quere facer con respecto a seu pai, mais tamén con respecto ao seu futuro inmediato, callado pola doenza canceríxena que vai acabando con el aos poucos. Dentro deste segundo vivir torturado, é diana das iras dos outros, non en van recibe varias malleiras, coma se a doenza que xa padece fose pouca. Mais torturados, en certa medida, tamén son outros seres, tal é o caso de Lolita, ou o propio Evaristo fillo, agora empeñado en ocultar todo cando teña a ver co pasado de seu pai. 

retrato de Xabier Quiroga
Seres túzaros, ensimesmados, propios dun mundo ruralizante e illado, van saíndo paseniño, pero Gumersindo é o ser máis extraordinario de todos eles. Vive practicamente animalizado, case desdeñando o contacto humano, vivindo e subsistindo grazas a unha exigua paga, controlada por outro brután, talvez máis ca el en moitos sentidos, e da caza e da pesca que vai obtendo. Antóllasenos, nunha certa medida, un arremedo do bon salvaxe. Carlos acaba por encontrar nel unha sorte de alma xémea, un ser desafiuzado, excluído coma el socialmente. Reina é outro dos grandes amigos que fará ao longo da narración, o máis fiel, pero que nin dubida en darlle unha tunda para facer máis verosímil o acoso ao Ramón Pallares para que confese. Como torturada, maltratada pola vida, podemos ver tamén o caso de Marielisa, a alumna brasileira que finalmente se fará cargo del nos seus últimos momentos, alén de se tratar de todo un exemplo de entrega de amor sen parangón.  

Comentarios