Saltar ao contido principal

A propósito d'A praia dos afogados

Primeira edición da novela


Na gabeta en que repousan tantas prosas atrasadas, esas en que a nosa actividade académica se vai tamén centrando, quer con maior, quer con menor interese segundo os casos, vanse amontoando resmas de papeis ás que por veces vemos acharlles a posibilidade de poder dar unha segunda vida. Estamos a falar de reflexións sobre lecturas, de rascuños ou estudos máis ou menos pormenorizados acerca de libros que fomos lendo e que xa non son novidade, mais que merecen toda a nosa consideración, tal é o caso do que a seguir trataremos. E estámonos a referir, nada menos!, que á exitosa A praia dos afogados, de Domingo Villar.

Á parte de se tratar dunha narración moi ben levada —abordarémola logo con máis detalle—, é talvez a novela negra máis importante que ten dado a literatura galega até este momento. Non en van, o forte carácter cinematográfico que nela latexa, logrou cativar o interese de Gerardo Herrero, director do filme do mesmo nome que está a punto de ser estreado, e que escolleu ao actor Carmelo Gómez para interpretar ao entrañábel comisario Leo Caldas, así como a Antonio Garrido para o papel do seu axudante, o brután Rafael Estévez. Dáse a circunstancia, pois non queremos deixar de pasar a oportunidade de citalo, de que neste ano 2014 se celebra o vixésimo quinto aniversario da que pasa por ser a primeira novela galega do xénero negro, Crime en Compostela, de Carlos Reigosa. Logo, fique aquí tamén esta nosa pequena homenaxe. [http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/albores-da-nosa-novela-negra/20140925003736101841.html]

O director do filme, Gerardo Herrero
Onte mesmo saía publicada no suplemento "Fugas" de La Voz de Galicia unha entrevista curiosa e interesante. Tratábase do poeta Carlos Oroza, poeta ao que non coñeciamos até que leramos no seu día A praia dos afogados. Nela Jorge Lamas charla con el, sobre todo, acerca de como concibe a súa poesía, cal é o concepto que ten sobre ela. Así pois, o rapsoda vivariense, aínda que asentado en Vigo desde hai anos, debulla experiencias e é preguntado pola medalla que o Círculo de Bellas Artes de Madrid lle vai entregar proximamente. Un certo malditismo ronda de arredor das palabras vertidas, e móstrase até un bocado indiferente polo premio que se lle vai outorgar. Considérase poeta de intervención, vate de rúa, pensador e filósofo, aínda que máis declamador que escritor sobre papel.

O poeta Carlos Oroza
Carlos Oroza, n'A praia dos afogados, é fregués do Elixio, do afamado e pintoresco mesón da rúa Perú de Vigo. Convertido en personaxe literario por Domingo Villar, e frecuentador real do citado local, tal circunstancia fíxonos vir á mente a Peña dos Sabios de Ourense, cuxo guía espiritual fora nun certo sentido Vicente Risco, e que do Café Roma saltou logo ao Mercantil e de aquí ao Café Parque. Como tampouco puidemos deixar de pensar no entrañábel mesón Os Cazadores de Ferrol, lugar de encontro e bohemia durante ben anos, e palestra desde onde un excéntrico Álvaro Paradela discursaba e recitaba. As tertulias de bar ou taberna, verdadeiros foros de discusión e debate, fican ben reflectidas nesta novela por medio dos Catedráticos, peña que, tamén no Elixio, actúa como sorte de comité de seguidores e até de axudantes do comisario Leo Caldas así que xorden certas cuestións dubidosas sobre as que este quere saber. 

Embarcacións mariñeiras
N'A praia dos afogados, o inspector de policía da comisaría de Vigo, Leo Caldas, terá que investigar a morte dun mariñeiro na vila de Panxón. Todo fai supor que afogou, mais hai algo estraño na forma en que o cadáver é encontrado. Achado na praia da Madorra, o mariñeiro tiña atados os pulsos cunhas bridas de plástico de cor verde. As xentes do lugar dan por feito que se trata dun suicidio, pois que este modus operandi non é descoñecido, nin se trataría do primeiro caso na zona. Por outra parte, Xusto Castelo ‘o Rubio’, o mariñeiro presuntamente afogado, é tido por taciturno, insociábel e depresivo, isto é, adecúase ao perfil dun suicida, polo que a xente pensa no suicidio como única posibilidade.

As chaves da sospeita para Leo Caldas comezan pola maneira en que están atadas as bridas —co fecho para abaixo, á altura dos maimiños— e seguen porque Xusto Castelo, ao igual que outro dos mariñeiros que pescan con embarcación propia, Xosé Arias, fora compañeiro daquel no barco Xurelo anos atrás, afundido o 22 de decembro de 1996, e no que resultará afogado Sousa, o seu capitán.

Un terceiro pescador, hoxe retirado do mar pero empresario da construción, Marcos Valverde, vive tamén en Panxón nunha preciosa casa de deseño e cunha atractiva muller de extracción social alta. Os tres mariñeiros, ex-compañeiros do Xurelo, non se falan.


Nasas no porto
A muller doutro pescador, Ernesto Hermida, fora a testemuña que afirmara ter visto a Xusto Castelo na mañá do domingo, presunto día en que afogaría —día de descanso e en que está prohibido pescar—, saíndo ao mar na súa embarcación. Leo Caldas entrevistarase co camareiro do Refuxio do Pescador que no día anterior o vira e que lle escoitara dicir, nervioso, aquilo de que xa non aguantaba máis, que todo se había de acabar.

En Panxón corre a crenza de que o capitán Sousa e o seu barco, o Xurelo, teñen sido avistados en varias ocasións. O seu fantasma está latente na idea de moita xente, e tampouco o mariñeiro afogado é alleo a isto, pois fora encontrado cun amuleto en forma de figa. Haberá que engadir ademais que na gamela de Xusto Castelo apareceran pintadas que falaban acerca da data do afundimento do Xurelo e a palabra <<asasinos>>. Igualmente, nas nasas aparecéronlle notas con expresións semellantes.

Porto de Panxón
As investigacións seguen e o inspector Leo Caldas falará co cura xubilado don Fernando, o cal garda documentación, sobre todo fotográfica, relativa á vida no mar dos mariñeiros de Panxón. Naqueles álbumes verá un recorte de xornal co afundimento do Xurelo. Tirará dese fío, grazas a outra noticia, relacionada coa desaparición dunha muller, Rebeca Neira, en Aguiño nese mesmo día. 


A novela, aderezada con todos os ingredientes policíacos ao uso, é entretida e tremendamente dinámica. A indagación, de feito, dá moitísimas voltas. A busca da verdade vaise enleando máis e máis a cada pouco, e o proceso dedutivo sorpréndenos tanto pola contrución como pola reconstrución dos feitos. A profundidade psicolóxica dos personaxes, fundamentalmente do inspector Leo Caldas, é do máis destacábel. 

A linguaxe é áxil, con oracións moi breves e con abundantes diálogos. Son de notar as dobres separacións que existen ao longo de toda a narración e que indican unha sorte de cambio de secuencia, polo que velaí un elemento máis do carácter cinematrográfico a que aludiamos nun principio. O ton irónico, así como retranqueiro, axuda a facela enormemente galega. 
Carmelo Gómez no papel de Leo Caldas

Son moi interesantes, pois están certamente logrados, moitos gags que ao longo do relato imos encontrando. O de se incomodar Leo Caldas de cada vez que alguén o felicita polo programa de radio, "Patrulla nas ondas", en que participa, pois vese relegado a un segundo plano, sobre todo pola intervención do locutor, Santiago Losada ou pola música de fondo que lle poñen. O choque de caracteres, brutal por veces, co seu axudante, o aragonés Rafael Estévez, convértese nun tópico moi ben conseguido. Así como tópicos, acerca do desleixo ou torpeza do inspector, vémolos tamén no uso da gabardina que Leo Caldas fai sempre, aínda que non vaia chover, ou nos zapatos novos e de paseo, totalmente inapropiados para entrar nunha viña ou nunha lameira. 

A maneira en que van sendo marcados os capítulos é moi orixinal. Non hai, tal e como se fai habitualmente, nin números nin letras, senón unha entrada de dicionario. Trátase dunha voz con todas as acepcións que esta poida ter e que serve para intoducir un elemento central sobre o que xira cada un dos capítulos, tal e como posteriormente, e a medida que imos lendo, podemos comprobar. 

Templo Votivo de Panxón
A utilización dalgúns elementos de xorne histórica, tal é o do Templo Votivo do Mar de Panxón, obra do arquitecto Palacios, ou referencias ás crenzas populares e supersticións, como no caso dos amuletos para afuxentar males, son de sumo interese. Como simpáticas, e que talvez nos faga máis cómplices e indentificarnos con Leo Caldas, as anotacións que este vai tomando entrementres transcorre o programa de radio, <<Municcipai un, Leo cero>>, etc. e que recorda ás que seu pai fai no seu Libro de Idiotas, xa que o inspector, en realidade, é deste xeito como se sente. 


En definitiva pois, nesta entretida e fresca novela detectivesca, o inspector Leo Caldas, un clásico xa das nosas letras, terá que resolver un enigmático e estraño caso. O relato estará pragado de múltiples voltas e xiros até desembocar na descuberta final da verdade, todo sucedido no transcurso dunha narración en que vemos plasmados excelentes ambientes mariñeiros e populares. Así mesmo, prodúcense momentos hilarantes e cheos dunha enorme retranca acerca da nosa forma de ser, sendo outro dos aspectos a destacar, ademais das reflexións sobre a soidade, sobre o amor e o desamor, mesmo da comprensión do investigador con respecto aos motivos do asasino, e que paso a paso, nunha lectura áxil e chea de intriga, van trazando toda a pescuda policial até a resolución final do caso. 
O escritor Domingo Villar

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos