Baixo
o título de "Esperando a estrea d'A esmorga: unha novela
cinematográfica", presentábase o pasado 10 de novembro en
Sargadelos-Ferrol, o filme homónimo do director Ignacio Vilar. No
acto público celebrado a tal propósito participamos —nunha pequena
exposición e posterior coloquio—, convidado pola Asociación Medulio. (Debemos apuntar que a sala
estaba ateigada, mesmo facéndose insuficientes as cadeiras para
poder sentar a tanta xente.) Así pois, e en tan expectante acto, tivemos o pracer de
compartir táboa redonda, á parte de co citado director de cinema
Ignacio Vilar (Pradolongo,Vilamor...), tamén co
escritor e último premio Blanco Amor de Novela, Jorge Llorca, ademais de co profesor, crítico e ensaísta Manuel Rei Romeu.
Tratábase
da análise e presentación, previa ao visionado oficial, que había
de ter lugar o venres 14 de novembro. Claro está que os contertulios
contabamos coa vantaxe de tela visto antes, se ben en pantalla
pequena, por necesitarmos dunha impresión para poder valorar e estabelecer ou non comparacións coa obra escrita por Eduardo Blanco
Amor. Con posterioridade, cadaquén debullou o binomio filme/novela á
súa maneira, e dun ou doutro xeito, viñemos todos a coincidir na
calidade que a versión cinematográfica atesoura, alén da
fidelidade que mantén a respecto da narración do autor ourensán.
Os diálogos e verdadeiras sentenzas case filosóficas de que o
Cibrán se vai provendo, a magnífica ambientación e fotografía, o
papelón desempeñado polos tres actores principais, a música
reiterativa para mellor comprender a opresión que no fío argumental
se vai dando..., falan da excelencia cinematrográfica que axiña puidemos corroborar no sábado seguinte cando xa finalmente a vimos en
pantalla grande.
Se A
esmorga, en definitiva, continúa a ser a novela das novelas da
literatura galega, a novela por antonomasia ao noso entender, o mesmo
poderiamos dicir con respecto ao filme do mesmo nome. Tratáse do
mellor, sen dúbida ningunha, da nosa cinematografía. Fóra que as
idades dos protagonistas non se correspondan coas da narración
orixinal, nin tampouco o tempo en que se localiza, pois trasládase cen anos máis
adiante, o certo é que nada desdí a fita con relación ao relato concibido por Eduardo Blanco
Amor, cuxa fidelidade é máis que notábel co texto. E aínda máis
cabería engadir a este propósito, porque se este puidese ver hoxe
nas pantallas o filme realizado por Ignacio Vilar, de seguro que lle
daría un inmensísimo abrazo de satisfacción, orgulloso por ter conseguido obra cinematográfica tan fiel e primorosa.
Comentarios
Publicar un comentario