 |
Capa da novela "Nos vemos allá arriba" |
Excelente e descarnado relato que arranca nos últimos días da Grande Guerra, en novembro de 1918. Está a punto de ser declarado o armisticio, pero o tenente d'Aulnay-Pradelle dá a orde de ataque, co fin de ser tomada a cota 113. Previamente, elixirá a Louis Thérieux e a Gaston Grisonnier, un rapaz e un vello, para unha misión de recoñecemento. Ambos serán mortos. Os seguintes en ser mandados haberán de ser Albert Maillard e Édouard Péricourt. Están en perigo, pois este será ferido e aquel caerá dentro do cráter dun obús, que é moi profundo. Ficará enterrado logo de que outra bomba rebente a pouca distancia e estea así a punto de morrer sepultado. Édouard Péricourt, porén, conseguirá desenterralo antes que morra asfixiado. Este, con todo, caerá gravemente ferido ao estoupar un obús a pouca distancia, o cal lle levará parte da cara. Albert Maillard, unha vez recobrou a respiración e o sentido, arrastrou o seu salvador até a trincheira de volta.
Velaquí o brutal comezo desta narración, co absurdo do
 |
Espera nas trincheiras |
ataque, pois era sabido que estaba a piques de producirse o final da I Guerra Mundial. Non obstante, o tenente d'Aulnay-Pradelle, home sen escrúpulos e desapiedado, non asumirá que poida finalizar sen el ter obtido ningún tipo de recompensa. Busca unha sorte de heroicidade e deste modo manda ao matadoiro os dous soldados aludidos, despois de xa telo feito co rapaz e o vello, e que resultarán mortos. O tenente, no medio da liorta, sairá da súa posición, a campo aberto, coa suposta intención de valer estes dous homes en perigo, Albert Maillard e Édouard Péricourt, e conseguir deste modo todas as honras militares correspondentes ao valor, logo de tentar socorrelos. Mais Albert Maillard percibe a acción do canalla, unha vez descobre que o rapaz e o vello non foron mortos polos
boches, senón alcanzados por disparos feitos polas costas. O tenente d'Aulnay-Pradelle, de feito, é quen empurra a Albert Maillard ao fondo do cráter co fin de desfacerse del, e da proba que o puidese inculpar.
 |
Caen os obuses no campo de batalla |
A débeda contraída de Albert Maillard co seu salvador é de por vida. Farase cargo de Édouard Péricourt desde o primeiro instante. Este, coa cara completamente esnaquizada, sobrevive a duras penas, dolorido e en carne viva, e á espera de ser trasladado a outro hospital mellor dotado onde poida ser operado. Precisa de morfina con frecuencia para mitigar a dor e mesmo nin se sabe se ha de sobrevivir. Óbrase o milagre. Mais a sombra do tenente d'Aulnay-Pradelle sobrevoa e intimida a Albert Maillard logrando que non faga delación sobre o sucedido. Édouard sobreponse, aínda que lle falta media cara, carece de mandíbula e boca, de modo que ten que comer e beber directamente a través da gorxa. Por descontado, faise obvio que tampouco pode falar. Alén diso, pídelle a Albert que non transmita á súa familia que está vivo, de ningunha maneira quere regresar xunto dela nesas condicións. Albert avense ao seu pedimento, consegue darlle unha nova identidade e facelo pasar por morto. Así pois, falsamente, Édouard Péricourt falece, e adquire a personalidade de Eugène Larivière, en verdade si falecido este o 30 de outubro de 1918, sen familia e dependente dos Servizos Sociais.
 |
Rostro deformado por efecto da guerra |
Madeleine, irmá de Édouard Péricourt, desexa recuperar o corpo de seu irmán para levalo consigo a París e darlle así digna sepultura. Sempre baixo a sombra de Henri d'Aulnay-Pradelle, Albert Maillard artella a maneira de roubar un cadáver, ao que previamente lle fora colocado un letreiro co nome de Édouard, e levado sen papeis de exhumación para París. A familia Péricourt, por tanto, asume o feito de que Édouard morreu na fronte de guerra. A acción no campo de batalla de Édouard e Albert Maillard, no entanto, contou coa reprobación do xeneral Morieux, xa que Henri d'Aulnay-Pradelle deu informes negativos acerca deles dous, quérese dicir, sobre o acto de covardía emprendido por estes, dada a presunción de teren recuado no campo de batalla, cousa que tiña obrigado ao propio tenente d'Aulnay-Pradelle a ter que intervir. O vilán, finalmente, pasa a ser o heroe, isto é, o tenente será sobre quen recaían todos os honores. Gaña logo os favores da familia Péricourt, nomeadamente de súa filla, Madeleine, coa que acabará casando.
 |
Panorámica de París |
Os dous amigos, entrementres, regresarán a París. A moza de Albert, Cécile, anda agora con outro home. Albert transita por distintos tipos de traballos, até finalmente dedicarse ao de home-anuncio, portando publicidade sobre o peito e as costas polo centro de París. Malviven nunha casa alugada da pasaxe Pers. A señora Belmont é a dona e ten unha filla, Louise, a cal se fará íntima amiga de Édouard, quen vive recluído no andar alugado. Será, en verdade, a que o faga regresar á vida, nun certo modo. Era un magnífico debuxante. Debuxaba nas trincheiras e tiña un caderno con moitos deseños. Louise faille renovar a ansia de debuxar. Ela non lle ten aversión, a pesar do seu aspecto e até lle afaga o rostro mancado, os contornos en que está o oco desa face desaparecida. Dan en confeccionar máscaras xuntos, xogo que lle encanta a Édouard, e en que ocupa grande parte do día. Mais a vida, con todo, non é nada fácil. Albert ten que conseguir morfina en grandes cantidades, que despois combinará tamén con heroína, para seguir paliando as dores de que sofre Édouard. Chega mesmo a meterse en problemas para conseguila, como sucede co grego Antonapoulos.
 |
Vista aérea de París
|
Henri d'Aulnay-Pradelle, casado xa con Madeleine, non é do agrado de seu sogro, Marcel Péricourt. El tampouco ama a súa muller, pois de feito ten varias amantes, ademais de tamén frecuentar algúns prostíbulos. Métese en turbios negocios, os cales lle darán pingües beneficios, para deste xeito poder ir construíndo o seu magno palacete da Sallevière. Descobre a maneira de facer un enorme negocio co enterramento dos cadáveres dos soldados caídos en combate e que están diseminado polos distintos campos de batalla e poboacións de Francia en que houbo fronte de guerra. Sen ningún rigor nin escúpulos, trafícase con corpos e identificacións trocadas, mesmo enganando na adquisición de ataúdes, pequenos e de ínfima calidade. Chéganse a encher con restos de distintas persoas, até con corpos de soldados alemáns, ou con pedras e terra. Todo isto irá vento en popa, sempre que non haxa quen desvcnde o engano, como así sucederá por fin. Un funcionario, Jospeh Merlin, incorruptíbel a calquera tipo de suborno, denunciará o acontecido, coa conseguinte caída en desgraza de Henri d'Aulnay-Pradelle e a inacción de seu sogro, que o deixa caer, despois de xa telo axudado noutras ocasións, home de enormes influencias, até nos ministerios, grazas á súa boa posición como banqueiro.
 |
Cemiterio nas proximidades de Verdun
|
 |
Monumento aos caídos na I Guerra Mundial |
Ao tempo que está a acontecer isto, Albert Maillard e Édouard Péricourt artellan tamén outro turbio negocio. Á calor do ardor patriótico e a homenaxe aos falecidos na guerra, propoñen, a través de anuncios e cartas a distintos municipios, a posibilidade da erección de monumentos aos caídos. Os debuxos de Édouard serán o reclamo, pois trátase do deseño previo do que haberá de ser o tal monumento no futuro. Por distintos lugares de Francia espallan a súa publicidade e logran os ingresos en metálico dun bon número deles, pois dicíase que precisaban de depósitos previos e inmediatos para xa poder dar comezo á súa construción. Estes serían inaugurados o día da Festa Nacional, no 14 de xullo. O engano marcha. A falsa sede da sociedade, o apartado postal en que se recibe a correspondencia, a imprenta en que se imprimen os catálogos... Todo está perfectamente engranado para que non sexan descubertos.
Albert Maillard, entre tanto, será convidado á casa dos Péricourt en varias ocasións. Os receos son evidentes, alén de que el está temeroso por alí se achar o seu inimigo, d'Aulnay-Pradelle. Esta estraña relación de Albert cos Péricourt comezará desde o momento en que leven os falsos restos de Édouard para enterrar no cemiterio parisino. O caso é que Albert, na casa dos Péricourt, acábase por namorar dunha das criadas, Pauline.
 |
Monumento ao soldado descoñecido |
Chegado o 14 de xullo —xa na véspera algúns xornais se fixeran eco do engano—, estala a descuberta da trapela a que se acolleran os municipios que encargaran monumentos aos seus caídos. O propio Marcel Péricourt está entre os estafados e encarga ao seu xenro que indague sobre os estafadores. Logra dar co extremo do fío. Dá co hotel, o Lutetia, en que reside Édouard, so a identidade de Eugène Larivière. Por unha estraña coincidencia, Marcel Péricourt encamiñarase cara ao hotel co seu automóbil. Eugène Larivière, agora cunha máscara que reproduce o rostro do mesmísimo Édouard, sae á avenida co seu traxe colonial e ás verdes, e lánzase aos vehículos que por ela transitan. Marcel Péricourt, seu pai, non pode evitar chocar contra el, que sae despedido violentamente, producíndose así a súa morte. Nunca chegará, pois, á estación onde Albert e Pauline están a punto de saír nun tren para Marsella, para despois colleren un barco que os leve a Trípoli.
 |
Chega o armisticio |
O traballo de descuberta dos estafadores que Marcel Péricourt encomendara ao seu xenro, presuntamente significaba que deste xeito intercedería por el para que o ministro non tomase cartas no asunto do tráfico fraudulento de cadáveres en que estaba enleado. A filla de Marcel, Madeleine, está grávida, e d'Aulnay-Pradelle pensa que o seu sogro o fará por salvar a reputación da familia. Mais engánase. Fala co ministro e dille que siga adiante cos trámites legais para ser encausado.
En definitiva, e coincidindo co centenario do inicio da I Guerra Mundial, esta novela ofrécenos unha mordaz visión acerca do absurdo dela, da crueldade por culpa do afán de notoriedade por encima das demais cousas, alén da ausencia de escrúpulos á hora de tirar negocio cos restos mortais dos soldados caídos na batalla, así como a fraude cometida cos monumentos erixidos aos soldados mortos e a que os municipios se entregan para os homenaxearen, mais do que outros se lucran. A novela ten verdadeiros episodios crueis e sórdidos, mais así mesmo burlescos. Os nosos dous protagonistas vense abocados ao engano tamén. Son vítimas da crueldade bélica pero, sobre todo, da perfidia de d'Aulnay-Pradelle. Até existe un certo paralelismo cos inmortais don Quixote e Sancho Panza, Édouard e Albert respectivamente. A inconsciencia daquel e a consciencia deste por valelo en todo momento lévao a sacrificalo todo polo seu amigo. Séntese en débeda a perpetuidade, ao tempo que Édouard vive a loucura de non desexar seguir estando vivo.
 |
Bulevar Saint Martin de París |
 |
Pirámide en París feita con cascos de soldados alemáns |
A medida que o negocio do Recordo Patriótico (a estafa dos monumentos) se pon en marcha, prodúcese unha sorte de sanchificación de don Quixote. Os deseños que el elabora e que serven para o propósito da empresa son o detonante. Louise, nun certo modo, é igualmente un anxiño salvador e case indutor. So a aparencia dunha maior loucura que nunca, o negocio, que correu perfectamente, corre perigo de ser descuberto. Édouard parece non sentir medo ningún polo que poida ocorrer. Bótase á extravagancia dunha vida de luxo e desbaldimento no hotel Lutetia, onde reside regaladamente. No 14 de xullo, aderézase de todos os aditamentos para a súa arroutada final, que será a de se inmolar lanzándose ao medio da avenida para ser atropelado. As ás simbolizan esa ascensión aos ceos (que el xa tiña previsto), e que, finalmente, responden ao significado do título da novela. Marcel Péricourt, despois diso, quíxose consolar con que a cara de seu fillo, vista nesa máscara co retrato del, lle transmitía a idea de gratitude, de modo que así é como puido morrer tranquilo. De feito, as relacións entre ambos nunca foran boas, mais prodúcese unha dulcificación, unha conversión cara ao seu fillo, cara ao seu recordo, desde o instante en que cre que caeu en combate. Entre tanto, pola súa parte, Henri d'Aulnay-Pradelle recibirá o seu castigo, de modo que haberá de caer todo o peso da xustiza sobre el.
 |
O escritor Pierre Lemaitre |
Comentarios
Publicar un comentario