Saltar ao contido principal

A reedición de "O anarquista", de Leandro Pita Romero

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/chamabanlle-anarquista/20141231005307111273.html

Reedición da CNT de 2009

Na década que vai de 1920 ao 1930 prodúcese unha eclosión da narrativa breve en lingua galega. O labor de conciencia exercido desde as Irmandades da Fala, obtén os seus froitos. Porque, de feito, será tanto o teatro, coa fundación do Conservatorio Nacional de Arte Galega, en 1919, como coa publicación de novelas curtas, que se pretenderá conseguir chegar a un estadio de normalidade dentro do proceso cultural de Galiza. O suplemento do xornal El Noroeste da Coruña, Terra, a nosa!, dá a coñecer a Vicente Risco como narrador. Publica Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros (1919). Xaime Quintanilla crea a editorial Céltiga en Ferrol, que publicará en 1922 Un ollo de vidro de Castelao. Na Coruña por súa vez, e entre 1924 e 1927, créase a editorial Lar, dirixida por Leandro Carré Alvarellos, que dará a lume unha corentena de títulos, entre os que destacan Pantelas, home libre, de Ramón Otero Pedraio, O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, de Vicente Risco, e O Estebo, de Xosé Lesta Meis. Aínda teremos a colección Alborada, de Pontevedra, que editará Maliaxe, de Luís Amado Carballo, ou o importantísimo papel que desempeñará a editorial Nós, que até 1936 publicará case cen títulos de novelas breves. 

O Anarquista é publicada pola editorial Lar en 1924. As capas de toda esta colección debémosllas á habelencia de Camilo Díaz Baliño, en que a esencia galega fica retida nesa sorte de instantánea confeccionada co marco barroco (os dous frisos, superior e inferior) tirado da estatuaria do Pórtico da Gloria, ademais dunha anta sobre un outeiro coroada por un inmenso e espectacular luar, que está contida no centro. De modo que esta será a capa de todas as novelas curtas publicadas desde que saíse a lume a primeira delas, A miña muller, de Wenceslao Fernández Flórez, en 1924. Esta reedición de O Anarquista, de 2009, foi feita pola CNT de Santiago de Compostela; á parte de porque é difícil de encontrar hoxe en día, tamén polo feito do que nela se recolle: a razón de ser, a esencia do anarquismo, doutrina que vive e se revitaliza a medida que as inxustizas sociais voltan reiteradamente a repetirse. 

A "Anarquista" é certamente (así con xénero feminino) co que primeiro nos achamos. Ela, unha moza que malvive cunha vaca fraca, é rexeitada constantemente por todos. Non ten terras de seu e, por tanto, tampouco pastos para o seu animal. Cóntasenos a historia da rapaza. Ela ía, en realidade, para señorita, pero un malvado cacique crúzase no camiño de seu pai. O cacique é un tendeiro rico, ten moitísimas influencias e moitos cartos conseguidos de maneira pouco limpa (embarques, quintas, concello, etc.). Mariano de Vilar quere deixar a actividade agrícola e dedicarse ao comercio e a que a súa filla poña unha pasantía. Mais o Sr. Andrés move Roma con Santiago para impedir que consiga a licenza de apertura, cando xa Mariano de Vilar tiña os préstamos do banco para a compra do local, alén de para a compra do xénero. O caso é que nin comercio nin pasantía poderá ter. Fica arruinado e coa sensación de que vai morrer. Pero antes que isto suceda, ten que acabar co desalmado do cacique. Ponlle un paquete incendiario á porta da súa casa. Non consegue finalmente o seu propósito, se ben Mariano de Vilar acaba por morrer o pobre, aínda que apenado por non ter atinxido o que desexaría. Mariano de Vilar pasará a ser recoñecido desde aquela polo alcume do "Anarquista". E este alcume será o que finalmente lle reste á malpocada da súa filla de por vida. 

A posterioridade que troca o nome dos heroes polo mote das súas fazañas, e chama Cid a Rodrigo Díaz e o Gran Capitán a Gonzalo Fernández, eliminou o nome de Mariano polo alcume de o "Anarquista" con que no adiante o recordou a xente. 
Este alcume fo o único que Marica puido herdar de seu pai.
Marica xa foi para todo o mundo a "Anarquista". Endexamais maior ironía puido bautizar a un ser humano tan doce, tan débil, tan doentío. Marica que, ao cabo, ía para señorita, foi, na maior pobreza, o último veciño da aldea. 

Leandro Pita Romero



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Ga...

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Miguel Sousa Tavares e o seu "Equador"

Capa do romance "Equador" 1.- ARGUMENTO : Luís Bernardo Valença pertence à alta burguesia lisboeta. Seu pai deixa-lhe em herança a posição de sócio principal de uma companhia de navios que fazem diferentes rotas comerciais. Estamos a falar da Companhia Insular de Navegação, encarregada de transportar cargas e passageiros entre a ilha da Madeira, as Canárias, o arquipélago dos Açores e o Cabo Verde. A vida do homem é regalada, despreocupada, entregue ele às reuniões e tertúlias com pessoas da boa sociedade lisboeta. Goza da amizade, por exemplo, de Bernardo de Pindela, conde de Arnoso, o qual faz parte do grupo de “Os Sobreviventes”, justamente em oposição ao de “Os Vencidos da Vida”, de que participava no seu momento Eça de Queiroz. Essa vida nocturna lisboeta de que o Basílio tanto se queixava (falamos do do seu romance O primo Basílio ) por falta de locais onde poder desfrutar, e que nestes se tornava todo o contrário, dispostos a extrair daquela vida capitalina...