Saltar ao contido principal

O inimitábel Eduardo Fra: "El carnaval de filósofo"

"El carnaval del filósofo" é de 2004

A escrita de Eduardo Fra Molinero é, simplemente, inimitábel. Na súa sinxeleza, dáse unha precisión de difícil imitanza, moi do gosto dun lectorado extenso. Claro exemplo deste estilo, son as colaboracións xornalísticas, tan apreciadas por unha audiencia fiel a eses seus relatos ou contares de xorne tan coloquial, e aparencia, por veces, case banal. Mais lonxe diso, e dunha lectura que puidese parecer epidérmica, a profundidade e calado reflexivo en que normalmente nos mete como lectores, coloca os seus escritos na senda dese alto xornalismo que o que acaba, en verdade, é por crear escola.

Eduardo Fra non é novo nisto das lides literarias. Mais tampouco este libro de narracións breves, El carnaval del filósofo, é a súa última publicación, non en van xa conta con dez anos de vida. Á parte da narrativa, e non só é a breve a que cultiva, ten preferencia polo xénero teatral. Alén da deliciosa novela en español, El merendero de la señora Oliva, ten así mesmo escrito pezas teatrais neste idioma: Gurméndez en un café de Delft, Una historia de guerra e Sainete del diputado. Con todo, é a lingua galega pola que se ten decantado preferentemente para a escrita dramática: A batalla de Brión, Lisístrata, Teatro Settaro presenta Opera Buffa, Venus na lareira, ou as súas últimas tres pezas teatrais, acollidas baixo o epígrafe de Teatro popular: Irmandiñas, O parto de Calandrino e O converso de Ribadavia

Xa deixamos escrito no seu momento acerca das liñas xerais do teatro de Eduardo Fra Molinero no noso manual Ferroláns na Historia da Literatura Galega. O didactismo é un dos seus elementos principais, sen perder de vista o afán educador. O drama e a comedia conviven harmonicamente nel, con Plauto e Aristófanes a partes iguais, mais en que tamén xorde o cómico Molière, ou o noso Daniel Cortezón, canto á faceta histórica se refire. O gosto pola anacronía coa finalidade de crear efectismo e deste xeito gañar á hora de saber facer rir e sabérmonos rir dos nosos propios defectos, é o que proporciona ese ambiente extemporáneo de que tanto se vale e que se pode trasladar a case calquera época.


Eduardo Fra é a sátira, a fina retranca, o gosto medido e exquisito da ben clásica aequivocatio, dos sentidos ambiguos que tan ben souberon empregar os nosos trobadores e xograres medievais en cantigas de escarnio e maldicir, é o retrato de certo tipo de personaxes estereotipadas, se cabe máis dado no caso do noso autor a lograr a redención final daquelas que máis negativamente nos son descritas, humanizando desde modo máis o texto e engrandecendo a estatura moral do propio dramaturgo, que sabiamente nos conduce a unha moralexa final, co conseguinte carácter didáctico que iso implica. 


Mais fóra xa da creación teatral de Eduardo Fra Molinero, é agora na escrita breve de El carnaval del filósofo en que quixeramos reparar. En liñas moi xerais, poderíase dicir que os tres elementos clásicos con que habitualmente debemos contar para a estrutura da narración —presentación, nó e desenlace—, fican moi diluídos nestes relatos. Toda tensión narrativa, tan importante na escolla de grandes escritores do xénero, desaparece aquí a favor do que anecdoticamente nos quere ser contado. Porque todo o libro, á fin e ao cabo, é unha sorte de anecdotario, de indagación ou prospección nunhas memorias de infancia e xuventude, recreadas ao sabor do que a mente gravou e até quixo, seguramente, dar como válido. A mente, en definitiva, creou e recreou a súa propia verdade das cousas, dos feitos, para deste xeito sernos contada. 

Manual de literatura galega
Así pois, o mostruario ou verdadeiro mosaico de personaxes e situacións diversas acontecidas en terras bercianas, de onde é natural o autor, e sobre todo de Ponferrada, é do que aquí se fai relato. O home filósofo, verdadeiro vividor, sae escaldado, vencido polo ardil da súa propia esposa, no conto que dá título a todo o libro: "El carnaval del filósofo". O meniño coidado entre algodóns por súa mai, xa que goza de pouca saúde, e que alén diso é gafe, vémolo en "El caso de Lucianito y de su madre doña Merceditas". Os equívocos, como o sucedido en "Matar judíos", e que tanto espantara ao padre don Tomás. O desafío da troita enormísima que ninguén é capaz de pescar en "La guerra de Néstor". Os contos dos nenos da escola de don Vitaliano acerca do enigmático pozo do castelo, no relato "El Castillo". E así moitas anécdotas máis que son o motivo da primeira parte do libro, titulada <<Los días medio inocentes>>. 


Na segunda parte do libro, <<Los días menos inocentes>>, achamos narracións cunha maior tensión talvez, un bocado máis redondas se cadra. Xorden, sobre todo, personaxes que son produto da posguerra. Homes trastornados pola guerra e que se deron á bebida, como no caso de "El criado Avelino". A pobre velliña, en "La Margalla", que vende produtos de merzaría detrás do seu mostrador e da cal sabemos despois todo o mal que o pasou tras o enfrontamento bélico. E da que foi prostituta, pero salvou a moitos de seren paseados, pois compraba favores aos xerifaltes do movemento, en "El sofá de rayas azules". O alemán que chega despois da II Guerra Mundial, montado na súa moto con sidecar e que se suicidou, en "La galocha". Ou o de "Doña Ilduara y el alemán", que veu doente e morreu ao pouco. O que aconteceu coas monxas, unha vez tomado o convento por milicianos da CNT, pois unhas ficarán e outras serán trasladadas a Valencia.


Estación de trens de Villablino
Ou, por finalizar con outro ben simpático,"Las campanillas de la mula", que trata do rapaz que ten que faltar ao seu deber de acudir á batalla campal que tiñan concertada el e os seus amigos de armas contra os do outro bando rival, pero seu pai faino ir con el a Las Nieves, outra poboación, para ir tratar das partillas familiares. Enrédanse moito máis da conta e o rapaz non pode chegar á súa hora. Cando por fin baixa do tren, desenténdese do pai e infíltrase —está case a anoitecer— nas liñas inimigas, de modo que é capaz de poder asaltar o cuartel xeral dos seus rivais e prenderlle lume. A batalla será así gañada, e el recuperará tamén a honra que perdera ao non ter acudido cando correspondera, e entrando, alén diso, pola porta grande. 

Hai aínda algún relato máis que fai parte deste El carnaval del filósofo. As narracións oscilan entre as dúas páxinas, no caso dos máis breves —"La competencia" ou "Gilda en el café Melilla"—, ou as dezasete, no caso de "El recordatorio de la guerra" e as once en "Las campanillas de la mula". Relatos en que tamén cabe amentar o exclente rexistro lingüístico, aderezado, xulgamos, de leonesismos, aínda que igualmente (se cadra por se tratar dunha zona estremeira e fronteiriza) inzada de expresións agalegadas, ou acaidamente galegas, e que tanto sabor de autenticidade lle veñen dar á narración.

O escritor Eduardo Fra Molinero

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Ga...

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Miguel Sousa Tavares e o seu "Equador"

Capa do romance "Equador" 1.- ARGUMENTO : Luís Bernardo Valença pertence à alta burguesia lisboeta. Seu pai deixa-lhe em herança a posição de sócio principal de uma companhia de navios que fazem diferentes rotas comerciais. Estamos a falar da Companhia Insular de Navegação, encarregada de transportar cargas e passageiros entre a ilha da Madeira, as Canárias, o arquipélago dos Açores e o Cabo Verde. A vida do homem é regalada, despreocupada, entregue ele às reuniões e tertúlias com pessoas da boa sociedade lisboeta. Goza da amizade, por exemplo, de Bernardo de Pindela, conde de Arnoso, o qual faz parte do grupo de “Os Sobreviventes”, justamente em oposição ao de “Os Vencidos da Vida”, de que participava no seu momento Eça de Queiroz. Essa vida nocturna lisboeta de que o Basílio tanto se queixava (falamos do do seu romance O primo Basílio ) por falta de locais onde poder desfrutar, e que nestes se tornava todo o contrário, dispostos a extrair daquela vida capitalina...