Saltar ao contido principal

Cinco voces con personalidade propia

Vista da ría de Ferrol desde o monte de Ancos


As linguas vivas acostuman ter o feo costume de cobraren vida propia, autonomía, vaia, de maneira que o seu léxico se vai por veces acautelando, atrincheirando mesmo, até chegar a dar con algún escondedoiro ao que dificilmente acaba un por ter acceso. E é que ás veces se fai tan firme o lugar en que se agachan que nunca máis somos quen de lograr tirar as palabras dese seu agocho. Velaquí, pois, no que nunha certa medida lles pode acontecer ás cinco voces de que hoxe lles queriamos falar. Voces, elas cinco, que non podemos ver recollidas nos dicionarios de lingua. A excepción, se cadra, da última delas, e que si logramos dar con ela, ora que ben escondidiña, en Frampas II, contribución al diccionario gallego, de Elixio Rivas Quintas, publicación de pouco acceso e, xa que logo, para avezados especialistas máis que nada. 

Unha vez máis, é o noso desexo poder recoller aquí voces (léxico en definitiva) que se nos antollan bastante específicas desta nosa comarca —ímoslle chamar, tomando o xentilicio do ocorrente Álvaro Paradela— ferrolterrá. E queren ser estas cinco voces, e por orde alfabética, as seguintes: espeso ou espesa, pachena, relos, safar e xurxa. Cada unha delas, como logo veremos, gozando da súa propia especificidade semántica, tamén canto á clase de palabra, gramaticalmente falando, ou tamén canto ao xénero ou ao número. A última das enunciadas será, por tanto, a que diciamos que si está recollida nese compendio léxico feito por Elixio Rivas Quintas. A el, e a moitos outros dicionarios de lingua galega, podemos ter acceso a través da ligazón http://sli.uvigo.es/DdD/, da páxina web Dicionario de dicionarios. Eilas:


"Chove auga espesa"


Espeso /Espesa:

Trátase dun adxectivo, e podémolo empregar tanto en masculino como en feminino e, basicamente, só se usa en singular na acepción a que nos queremos referir. O significado, de primeiras, tamén pode ser o que xeralmente aparece en calquera outro dos dicionarios de lingua. Isto é, aquilo que posúe abundancia de elementos sólidos en algo líquido ou disolto nun líquido; ou ben, aquilo que, sendo sólido, está moi agrupado, xunto, moi pegado a outros elementos ou individuos formando un conxunto.

Pero, que é o que ten de particular esta palabra para na nosa zona se sentir distinta? Pois teno, si, desde o punto e hora en que o tal adxectivo, é tomado, noutra acepción diferente, ou sexa, como sinónimo de 'abundante' ou 'abondoso'. Así pois, é de uso común e corrente, por exemplo, para a auga. Pera esta auga, contrariamente, non é porque conteña algo sólido en si, algún elemento sólido dentro dela, e que o líquido se faga así espeso. É que a auga, propiamente ela, é espesa, quérese dicir, é abundante. Deste xeito, podemos dicir: "Onte choveu auga espesa", e estarémonos a referir a que choveu unha grande cantidade de auga. Ou tamén podemos dicir: "No concerto de Bruce Springsteen había xente espesa", e estarémonos a referir a que había moita cantidade de xente na actuación.

"No concerto había xente espesa"

Pachena 

É palabra substantiva. Literalmente podemos dicir que é sinónima de decúbito e, especificamente, de decúbito supino. Quérese dicir, que unha persoa está de pachena cando ela se encontra deitada horizontalmente e boca arriba, ou sexa, co corpo deitado sobre o lombo ou costas. Así pois, podemos dicir, por exemplo, "Non parou de roncar toda a noite porque durmiu de pachena".

Deitado en posición de pachena


Relos 

É outro substantivo tamén. Nos distintos dicionarios recóllense moi distintas acepcións a este respecto (sempre en singular, pode ser: 1. cocho que aínda mama; 2. canle que leva a auga á presa dun muíño; 3. certo tipo de insecto parecido ao grilo; 4. nome dun certo batracio; 5. cágado, cría de ra). Mais nada hai nos dicionarios a respecto desta mesma voz, sempre usada en plural na nosa comarca, e que vén ser unha sorte de formigo que fai que unha persoa non pare quieta, movendo espasmodicamente algunha parte do seu corpo, extremidades por exemplo. Pode ser sinónimo, igualmente, de bulebule, de persoa que non é capaz de acougar con facilidade. Así pois, é posíbel dicir: "Que che pasa que parece que tes os relos? Non paras quieto".

"Seica tes os relos, que non paras quieta"


Safar 

A particularidade deste verbo é que, aínda que si está recollido nos dicionarios, maiormente aparece escrito como zafar e mesmo, como máis frecuente, na forma pronominal zafarse. No Gran Dicionario Xerais da Lingua, achámolo con s-, tanto na forma pronominal como non pronominal, ora nos remita á forma con z- en ambos os casos para saber do seu significado. No Dicionario de Dicionarios ao que aludiamos arriba, e sempre co significado de desembarazar, botar fóra, ou ben co significado de largarse, irse, escapulir, vémolo no Dicionario galego-castelán de Leandro Carré Alvarellos desde a 1ª edición até a última; no Diccionario galego da rima de José Ibáñez Fernández (1950); no Diccionario Enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González; no Diccionario galego-castelán de X. L. Franco Grande; e no devandito de Elixio Rivas Quintas, Frampas II, contribución al diccionario gallego. 

O que nos chama poderosamente a atención é que, case sen dúbida, se estea a tomar esta voz con s- , e desde o momento actual, como se fose produto do seseo ou dunha anomalía talvez. De feito, dáse por mellor ou máis aceptada a forma grafada con z- á grafada con s-, que só aparece marxinalmente e decote nos remite á anterior. Pero o máis curioso de todo é que, e estando vivísima como o está na nosa comarca, así con s-, ou sexa, dito safar, non estea esta territorialmente adscrita á zona de seseo total, como si o poden ser comarcas da Costa da Morte ou das Rías Baixas. Existe si na nosa comarca, se ben só en certas persoas maiores, e en transo de desaparición logo, o seseo parcial ou de final de sílaba (des por dez, rapas por rapaz, ves por vez, por exemplo).

"Safou por pouco"

Xurxa 

Trátase dun substantivo. Falamos dunha especie herbácea que nace espontaneamente, pero que, sobre todo, pode chegar a infestar os labradíos. Logo, estamos en presenza dunha herba que se ten por prexudicial. No Frampas II, contribución al diccionario gallego, de Elixio Rivas Quintas, si se recolle xurxa como:

s.f. Lesta ou juncia de olor, hierba que infesta los sembrados (A Escusa, Po.). En otras partes de Pontevedra, xonza. En Coruña, lesta

A nosa palabra xurxa responde, pois, a esta explicación dada por Elixio Rivas Quintas. Na Wikipedia achámonos coa seguinte descrición:

A xunca doce ou herba da bóla Cyperus esculentus, é unha planta herbácea cosmopolita de follas longas e finas que produce un tubérculo coñecido como chufa, nome co que tamén se coñece a planta. Cultívase tradicionalmente en España, nos arredores de Valencia para a produción de orchata. 
xurxas


***


Eis a descrición destas cinco voces con que hoxe queriamos ilustrar a nosa achega léxica. Catro das cinco, se cadra, de uso exclusivo desta comarca ferrolterrá, ou até onde, polo menos, nos alcanza o coñecemento. A outra, e atendendo á explicación dada, de uso tamén noutros lugares pero, xulgamos, restritas por lóxica a zonas de seseo, e estámonos a referir a safar.

Deixamos aquí esta breve relación por hoxe que, agardamos, poida ser continuada noutra entrega.

panorámica desde a ermida da Chamorro








Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos