ría de Ferrol desde o monte de Marraxón |
Nisto de andar á rebusca e compilación de vocábulos, pouco será se lles digo que é un labor que levo desenvolvendo máis de media vida. Faltounos neste noso labor, se callar, a sistematicidade, o rigor, pois tomámolo de sempre case que como un xogo. A curiosidade implícita desta procura —que digo nos vén de vello —, foi se cadra a que pulou de nós para que tomásemos posteriormente ese estraño e ensarillado camiño da formación filolóxica. Formación, todo hai que dicilo, un bocado desmembrada. Sorte de totum revolutum en que un acaba por saber moitas cousas relativamente prácticas para a súa función e desempeño laboral, ora non poidamos dicir tampouco que non servise para nada, porque a aprendizaxe dura toda unha vida e, como diría o cantor <<Nunca el tiempo es perdido...>>. Así que, aquí seguimos na brecha, sen présa pero sen pausa. Ao noso ritmo, pois, e con ánimo para lles presentar outra pequena lista de palabras que gardan, xulgamos, a súa curiosidade. E como tampouco non había de ser menos, outra vez nos remitimos a voces cunha certa singularidade e presentes na nosa comarca, mais de cuxo grao de viveza si que xa non nos atrevemos a valorar.
De partida, ímonos valer dunha clasificación posíbel destes vocábulos facendo unha estimación de se son, en maior ou menor grao, modismos ou formas que garden unha certa especificidade comarcal. Deste xeito, e con todas as reservas que puidesen ser colocadas ao respecto, estabeleceremos para estas palabras a seguinte clasificación:
- Variantes
- Distinto significado ao dos dicionarios
- Específicas
- Usos curiosos e cunha relativa especificidade
Variantes
Presentamos aquí tres formas, toupenear, ullar e zarcio, que podemos entender como variantes (acaso formas parónimas), das talvez máis frecuentes, troupelear, anllar e zarzo respectivamente. Dicimos talvez por aquilo de que o dicionario é quen costuma fixar o léxico, ora saibamos que dificilmente os dicionarios traian todas as palabras que poidan existir nunha lingua. Das nosas tres comarcais (en cursiva e negra), neles aparecen só dúas e marxinalmente. Imos a elas pois:
Toupenear: o Dicionario Galego-Castelán de Xosé Luís Franco Grande (DGCFG) trae esta voz como variante de troupelear. A explicación que se nos dá é esta:
<<v. andar haciendo ruido con los pies, como cuando se usan zuecos.>>
No Gran Dicionario Xerais da Lingua (GDXL) tamén a trae e, igualmente, como sinónima de troupelear. De feito, remite a esta entrada no caso de querermos saber acerca do seu significado.
Ullar: no Diccionario Gallego-Castellano de Francisco Porto Rey, dísenos:
<<anllar; lugar en que se amontoa a leña.>>
No DGCFG, por súa vez, defínese como:
<<s.m. Rincón de la cocina donde se tiene a mano la leña.>>
Zarcio: ningún dos dicionarios consultados contén esta palabra. É variante da máis común zarzo, a cal designa un tipo de terra arxilosa, de calidade ruín e de cor encarnada.
Distinto significado ao dos dicionarios
Entraremos agora nunha serie de cinco palabras, todas elas recollidas por distintos dicionarios. A peculiaridade, porén, é que ditos significados non acaban de coincidir con ningún dos que logo lles habemos de explicar. Pódese dar a circunstancia, nalgún caso, de haber algunha acepción (por razóns de polisemia ou homonimia) que veña a coincidir coa xeral, pero non será na que nós quixeramos facer fincapé. Ben ao contrario, desexamos deternos alí onde se acha a diferenza. Así pois, son as seguintes:
Auñar: o significado xenérico na nosa comarca para este verbo é o de apresurarse, darse présa, e o seu uso é de carácter máis ben coloquial. Deste xeito, poderemos dicir:
<<Aúña que non damos chegado ao coche de liña.>>
ou nestoutro exemplo:
<<O Xoán apertáballe ao gas da Lambretta, cortando o ar con forza pola chaeira de Valón. Auñara veloz pola subida de Montecoruto, apañando as voltas da estrada máis apresuradamente do que marcaban os sinais de tráfico.>>
(da novela inédita O sentido da procura)
Carolo: a voz que máis comunmente serve para designar a substancia negra e pegañenta que fica impregnando as zonas que o fume está a tocar con frecuencia, por exemplo nas cambotas das lareiras, a feluxe, ou o sarrio, e outras cantas formas máis con que se lle pode chamar, é ao que nos estamos a referir.
Chiolas: é un adxectivo que serve para referirse a unha persoa apoucada e de pouco espírito, con pouca personalidade, vaia. Por exemplo, poderiamos dicir:
<<Será chiolas o nacho. Mira que non se atrever a dicirlle nada, con tantas como lle leva feito.>>
Limpeira: certo é que todos os dicionarios recollen esta voz na súa forma masculina, 'limpeiro'. E aínda gardando unha certa proximidade de significado, pois nunha das acepcións remite á idea dunha manta que ten como cometido protexer a limpeza dalgún obxecto ou material (GDXL), e á de <<Manta que se pone en la EIRA para recoger el trigo al aventarlo. ALIMPEIRO.>> (DGCFG), etc., a nosa limpeira, no entanto, alude a unha malla ou rede de grande dimensión que se leva ao prado para ser depositada nela a herba que se cortou e que despois se ha de transportar como nunha sorte de saca, ben encima do carro, ben ao lombo dun burro ou dunha besta. Así pois, velaquí un exemplo:
<<Bateu todo o que restaba de areal e sobordou canta caixa foi encontrando polo camiño. Non estaba seguro de poder cargar sobre o Nicolao tanta cousa como atopara. E este, apercibido de que o regreso había de ser longo e duro de máis, foi lixeiro a beber ao cano que verte no final da praia desde o monte da Lagoa. Mentres tanto, Venancio agardaba comprensivo a que o animal rematase de saciar a sede e comezar o labor de amontoamento do sobordado para logo cargalo nas limpeiras que trouxera preparadas.>>
(no relato "Patria do vento tourón", Á deriva)
Quico: estamos perante un substantivo que, outra volta, pode ser polisémico, sexa aquí ou en calquera outra zona do país, ao designar un tipo de 'polo' que aínda non chegou a adulto. Non obstante, nós queriamos deternos nunha acepción completamente diferente e moi propia da xiria infantil ferrolá. E é que se lle daba o quico (falamos en pretérito porque pensamos que a palabra xa debeu pasar a mellor vida) a aquela persoa, sempre home, que acababa de serlle cortado o pelo. Aqueles rapados que, ás veces, mesmo ferían a dignidade do afectado, podían ser motivo de escarnio e até de humillación (non sempre) por medio dos tales quicos, que eran pancadas dadas na caluga ao tempo que se citaba a palabra.
Específicos
Deterémonos neste apartado a falar sobre nove voces, ningunha delas (excepto algunha pequena reseña residual) presente nos dicionarios máis usuais. Unhas con moita presenza na nosa fala aínda, outras en estado comatoso, por non dicirmos mortas, porque non o podemos asegurar con rotundidade. Son as seguintes: esmolgadas, espichalagartos, filusmía e pichanco, liquindó, marruán, refollón, roña e transpintar.
Esmolgadas (ás): trátase dunha locución adverbial que é equivalente a andar de esmorga ou de esmorgada —esta última presente só en DGCFG, como variante de esmorga— ou, dito doutro xeito, andar de troula ou de xolda, etc. Deste xeito, poderiamos dicir:
<<Vaia cara que traedes. Seica andastes ás esmolgadas esta noite.>>
Espichalagartos: adxectivo que indica a calidade dunha persoa que é moi fraca e, por extensión, tamén de non moi bon aspecto. Nun certo sentido podería equivaler ás dúas voces que a continuación imos tratar, isto é, filusmía —así para masculino e feminino— e pichanco, o mesmo que un 'pau de virar tripas', vaia:
<<Parece un espichalagartos de fraco que está.>>
Filusmía / Pichanco: como dixemos na entrada precedente, pode chegar a equivaler a espichalagartos. Ora ben, tanto en filusmía como en pichanco, o que prevalece é a idea de persoa que é moi pouquiña cousa, dun ser pequeneiro, ou, dito doutro xeito, de pouca entidade física. Igualmente, poderiámolo substituír sinonimicamente por pismelga, tamén coñecido e de uso por estes lares, e que designa, segundo o DGCFG:
<<adj. delgado, flacucho, de pocas carnes.>>
Liquindó: falamos dun substantivo que designa unha prenda de abrigo, xeralmente para a auga e o frío, máis ou menos longa ou de tres cuartos, e que viría sendo algo así como unha sorte de gardapó, gabán ou vestimenta semellante.
Marruán: estraña palabra, adxectivo ela, que si podemos encontrar tan só no Frampas, contribución al diccionario gallego, de Eligio Rivas Quintas, desta maneira:
<<Sucio, puerco (el y ella). Aldosende, Paradela.>>
Na nosa fala local, o termo marruán ten sentido semellante ao indicado por Eligio Rivas Quintas. Tomamos un exemplo tirado de La Voz de Galicia do 26 de agosto de 2012, dun artigo escrito polo debuxante e humorista ferrolán Siro:
<<As que non variaron son as aldraxes que os afeccionados que perden a chaveta dirixen a árbitros e xogadores do equipo contrario. As que un marruán dixo o xoves a Sergio Ramos por pisarlle unha man a Pedrito eran as mesmas que eu escoitara, hai cincoenta anos, no Inferniño. Tiña eu dez cando o campo de fútbol do Racing pasou a ser oficialmente o Estadio Municipal Manuel Rivera, pero os ferroláns, malia a admiración e o afecto que sentiamos polo gran xogador local, seguimos dicindo o Inferniño.>>
Refollón: non achamos este substantivo por ningún dos dicionarios consultados. O máis aproximado encontrámolo en Estravís, no seu Dicionário Sotelo Blanco da Língua Galega. Estámonos a referir ao verbo 'refollar', o cal designa a acción de envolver en follas. Así pois, o refollón, como dicimos, ha de vir, case seguro, dese mesmo verbo. Aplícase á acción levada a cabo por un refacho de vento que, tras levantar do chan follas ou calquera outros obxectos leves, os fai bailar facendo un remuíño ou rodopío no ar ou a rentes do chan.
Roña: novamente vai ser o Dicionário Sotelo Blanco da Língua Galega de Isaac Alonso Estravís o único que traia esta voz. Con todo, aparece como unha palabra composta, 'roña-do-mar'. A súa definición é a seguinte:
<<Crustáceo máis coñecido por arneiro ou arneirón.>>
A definición de 'arneiro', por súa vez, é a seguinte:
<<Crosta que se forma nos cons que baña o mar e está composta de lodo e uns caracoliños informes que chaman arneirón.>>
Efectivamente, a roña na nosa comarca vén ser o mesmo que Isaac Alonso Estravís nos está a definir aquí.
Transpintar: verbo que designa o efecto de anubramento dos ollos ou de dobre visión ao fixar a vista sobre un obxecto, cousa que pode chegar a producir na persoa sensación de mareo.
Usos curiosos
Neste último apartado recollemos catro voces que, aínda que aparecen por distintos dicionarios, son de uso bastante restrito á nosa área comarcal. Referímonos a: lindeiro, luminaria, mainel, sobardar e trelos.
Lindeiro: este substantivo designa o lugar ao que se levan as vacas a pastar. Quérese dicir, o lindeiro é o propio lugar onde pacen os animais, xeralmente so vixilancia dunha persoa. Este termo si podemos achalo en distintos dicionarios, tal como sucede no GDXL ou no Dicionario de galego de Ir Indo, que nos di así na súa terceira acepción:
<<s.m. Prado de secaño onde se alinda o gando.>>
Luminaria: substantivo, de amplo uso na nosa comarca, que serve para designar unha morea de leña ou outros materiais combustíbeis que arde con forza producindo grandes lapas ou labaradas. Outras palabras sinónimas son: fogueira, cacharela, cachela, fogata, lumieira, lumeirada, etc. A nosa voz, luminaria, aparece recollida no GDXL e no de Ir Indo faino na primeira acepción e remítenos á voz 'lumeirada'.
Mainel: este substantivo vémolo presente en todos os dicionarios consultados. Ora case ningún deles faga referencia concreta ao que designa na nosa área comarcal, sobre todo en Ferrol, pois é obxecto máis propio de zona urbana, xeralmente asociado a unha casa de galería, tan típico na nosa cidade. No GDXL, na acepción número 3, dísenos o seguinte:
<<Ventá de abertura vertical, na que a folla móbil baixa e sobe por unhas guías.>>
Efectivamente, este tipo de xanela de guillotina, e non outra, é a que serve para designar o que entendemos por mainel. Á parte de na propia cidade, é posíbel darse tamén en casas con galería que existen por toda a redonda, nas vilas sobre todo: Mugardos, Xuvia, Neda, A Graña, Barallobre, Maniños, O Seixo, etc.
Sobardar: verbo que ten tamén unha variante, sobordar, tal e como aparece en moitos dos dicionarios consultados. A idea é a de transbordar, sobrepasar un líquido os límites dun recipiente. Non obstante, na acepción segunda do GDXL, dísenos (para sobordar):
<<v.t. Retirar unha embarcación da auga para deixala en seco.>>
Na nosa zona, polo menos no litoral máis aberto da comarca, a acción de sobardar tiña que ver co feito de 'pasear a praia', isto é, aquilo que noutros lugares se coñece como 'a creba', 'a rebusca', 'a repañota', 'o raqueo', etc. As persoas do lugar que viven próximas deste mar aberto, tiñan por costume, en tempos, de pasear a praia co fin de poder dar con achados. Estes achados, unha vez eran retirados pola persoa por encima da liña da marea (velaquí a acción de sobardar, ou transpor esa liña co obxecto encontrado), entendíase que xa non podía pertencer a ninguén máis que á persoa que previamente o tiña separado para si. Velaquí un exemplo do descrito:
<<Encetara o seu labor polos Crebadoiros. Pasara xa polo Pitillón e concluíra na praia da Fonte, ao carón da illa da ermida de Santa Comba. As mareas vivas deses días traballaran arreo. Víanse, como algúns anos por estas datas, as cadernas daquela vella traiñeira que asomaban de debaixo da area, e que figuraban os restos óseos do esqueleto dunha balea. Un par de troncos de teca, un bon garrafón de vidro recuberto de rede, varias boias, unha caixa de madeira con varias latas de petróleo. Todo canto sobordara, aquilo que rescatara para arriba do que era a liña da marea, tiña dono, xa era seu.>>(no relato"Patria do vento tourón", Á deriva)
Trelos: substantivo que designa un tipo de corda que serve para amarrar a carga ao carro ou a calquera outro vehículo. Este é o significado que traen case todos os dicionarios. Por extensión, e en sentido figurado, recóllese outro significado no Dicionário Sotelo Blanco da Língua Galega de Isaac Alonso Estravís e no DGCFG; dinos o seguinte:
<<s.m. Asunto o negocio que no se especifica y en que se supone embrollo y enredo.>>
Esta acepción, pois, é á que queriamos facer alusión aquí, á dos asuntos enleados ou ensarillados en que alguén se pode meter ou ver metido por causa de armar ou se armaren trelos.
***
Velaquí, en fin, outra pequena mostra deste rico vocabulario, das súas especificidades e matices. A nosa comarca, como se ve, contribúe á riqueza léxica do noso país como a que máis. Agardamos poida servir esta breve achega, se non para engrosar as páxinas dos nosos dicionarios, si para bosquexar un modesto borrador con breves apuntamentos léxicos que vallan, cando menos, para se daren a coñecer. E se posteriormente, grazas a isto, fósemos capaces de conseguir a súa fixación, saudarémola de bon grado, xa que significaría un importante logro para o acervo lingüístico do noso país.
Comentarios
Publicar un comentario