Navegando en barcas de pedra" (IES Catabois-Ferrol)
Con máis ilusión que medios, no curso 2003-2004 comezaba a súa emisión CataboisRadio, a emisora escolar do IES Catabois de Ferrol. Dúas arrichadas alumnas de 4º curso da ESO, saltaban ás ondas —unha maneira de falar, pois a nosa radio era só un circuíto electrónico fechado que emitía para o centro—, con algún programa de entrevistas. Recordamos, así, a feita ao cantante Leo, coñecido nos medios musicais por Leo e Arremecághona, e que foi a primeira emitida, e á que seguirían xa despois moitas máis e toda unha grella de programación diaria concibida para os dous recreos.
No curso 2005-2006 tivemos ocasión de participar por vez primeira na xornada multimedia de "Ponte nas Ondas...!", cuxa achega fixemos na edición 12ª, e que titulamos 'Ponte na crista da onda'. No ano 2007 sería 'Unha viaxe en globo por Ferrol'; en 2008 'A propósito do episodio da Batalla de Brión'; e a partir de aquí, e durante dous anos máis, saltamos ao formato do vídeo: 'Navegando en barcas de pedra' (2009) e 'Xentes de palabra' (2010).
![]() |
pía de Santa Comba |
'Navegando en barcas de pedra' foi o noso primeiro proxecto en vídeo para o 15º programa de "Ponte nas Ondas...! A partir do mito dos santos e santas que arribarían ás nosas costas en embarcacións, logo petrificadas, téntase facer unha explicación de tipo antropolóxico e lendario. Así pois, e tomando como núcleo central o Santo André de Teixido, fixemos un pequeno estudo acerca da súa lenda e percorremos os dous itinerarios en dirección ao santuario que, á fin e ao cabo, son subdidiarios do Camiño de Santiago. Fe, paganía, diferentes elementos antropolóxicos, ánimas, milladoiros, monumentos relixiosos, megalitos, fontes, camiños..., todos eles veñen conformar este programa emitido en 2009, e magnificamente explicado a través de tres bonitas voces. Velaquí o está.
Comentarios
Publicar un comentario