Saltar ao contido principal

Ecos rosalianos en Nubes de evolución


capa de Nubes de evolución
Amanda, unha rapaza nova, traballa de limpadora na estación de autobuses. Compaxina esta actividade coa de camareira nunha cafetaría. É mai solteira e ten dezanove anos. Todos os días cóntalle á filla, Ánxela, o que lle acontece entrementres está ausente. A nena está ao coidado de súa avoa até que regresa do traballo. 

Nubes de evolución, de Andrea Maceiras, está narrado en primeira persoa, con distintas voces que van aparecendo ao longo da narración: a da propia Amanda, a de Uxío e a de Luís. As vidas destes tres personaxes, ao tempo que narradores, acábanse encontrando na estación de autobuses. E todo comeza por unha pintada que di: <<WHEN WILL THOSE CLOUDS ALL DISAPPEAR?>>. Amanda debe limpala, pero non o fai. As dúas persoas, Uxío e Luís, ollan curiosos para a frase escrita na parede con letras vermellas. Pídenlle, encarecidamente, que non a borre. Pero previamente a este suceso, Amanda tivera dous contratempos, un con cada un dos amentados. 

Uxío, despois de que o garda de seguranza da estación os reprendese a el e aos amigos por emporcar o chan cunhas latas, tivera unhas palabras pouco xentís con ela. Ríranse da petición do garda. <<Cousas peores limpa esa>>, dixera, referíndose a Amanda e ela escoitárao. Luís, por súa vez, tropezara cun balde de fregar o chan que estaba no cuarto de baño, mollando así os baixos do seu pantalón, e reprendeu á limpadora, dicíndolle: <<Os mozos de hoxe en día nin para fregar o chan valedes! Nin estudades, nin traballades, nin nada! Máis che valería non tirar a túa vida nun lugar coma este...>>. 

O caso é que Uxío, días despois do incidente, fora cando se interesara pola frase escrita. Sempre combinaba alí, na estación, para ir adestrar a fútbol cos amigos. Pero logo, pouquiño a pouco, acabarase facendo amigo de Luís a raíz de que lle pregunta pola pintada, e deixa de asistir aos adestramentos, pois prefire estar a conversar con el. Os pais están separados. Ten problemas na casa, xa que vive coa mai, e co seu pai non hai demasiada boa relación. 


caricatura dos Rolling Stones
Luís perdeu a muller, logo de enfermar de cancro. Está tremendamente deprimido. Ten tentacións de suicidio, aínda que é demasiado covarde para chegar a tanto. Á súa muller pedíralle matrimonio cando escoitaban a canción “Angie” dos Rolling Stones, a mesma do verso <<WHEN WILL THOSE CLOUDS ALL DISAPPEAR?>>. Ten un fillo de trinta e cinco anos, que está casado e lle deu un neto, pero ao que ve moi pouco, pois traballa en Alemaña. Luís é profesor de ensino secundario e tampouco se ve moi realizado canto á súa función como docente. As súas clases, de feito, chegan a ser monótonas e toma pola vía da dureza cando ve que os alumnos non responden axeitadamente ás súas expectativas, de modo que os choques con eles son frecuentes. É escritor, narrador, pero perdeu a confianza en si mesmo e non ten que contar.  

Os personaxes principais da novela, con esa carga negativa coa que arrancan, van mudando grazas ao bon facer de Ánxela, ese ser rosaliano e benfeitor que é capaz de atraer para si, non só as súas preocupacións particulares, senón tamén as dos outros e solucionalas. A acción encamíñase, pois, á busca duns bos propósitos logrando enderezar en certo modo o rumbo dos tres, o dela mesma e o dos seus coprotagonistas. De tal forma que nada desvendamos se adiantamos o que se presupón a medida que avanzamos na lectura, ou sexa, o seu happy end, e ao que lle vemos certos arremedos do filme de Jean-Pierre Jeunet, Amelie, caso de mudar a Audrey Tautou por ÁnxelaEstamos, en definitiva, perante unha novela de amor, chea de frescura e moi lexíbel. 

filme de Jean-Pierre Jeunet
Tecnicamente, resólvese de forma correcta desde o inicio. Así pois, os tempos están ben levados. O PRÓLOGO, de feito, comeza coa presenza da pintada, pero a acción vai logo en flash back, resultando disto catro partes principais, encabezadas cos seus títulos: 

    1. SEMPRE VAI FRÍO NA ESTACIÓN: A sensación de friaxe é de notar. Non é simplemente polas condicións atmosféricas. É o propio lugar, a estación de autobuses, xa que se trata dun lugar de tránsito sen máis. 
    2. ANGIE ERA UNHA CANCIÓN: A pintada é a que trae a mudanza á vida. A friaxe desaparece e descobren que Angie é unha canción dos Rollings Stones —é Luís quen llelo explica a Amanda e a Uxío
    3. NUBES DE EVOLUCIÓN: Uxío apunta isto nunha nota que lle deixa ex professo a Amanda para que a colla. É a maneira de dicirlle que xa fixo o que prometera, o cambio que había de ter e que se producirá ao longo deste capítulo. 
    4. NON PODES DICIR QUE NON O INTENTAMOS: Todos conseguen o seu propósito de emenda. 

Finalmente temos o EPÍLOGO. Nel xúntanse a Ánxela máis noviña, a filla de Amanda, e a máis vella, a muller de Luís, aínda que de xeito póstumo. El está nun banco sentado, termando dun osiño de peluxe, e a nena aperta un álbum de fotografías que garda un tesouro. Ambos compárteno en segredo. As nubes, entrementres, móvense no ceo. 

Os versos de Rosalía da cita do principio, ademais de ser empregados para esa mudanza de rumbo cos seus alumnos, recitábaos Ánxela, a muller de Luís, cando estaba enferma de cancro:

Cóbreme unha espesa nube
tal preñada de tormentas
tal de soidás preñada
que a miña vida envenena

Faise evidente a alusión ao estado de ánimo en que a muller se achaba, antevendo con clareza o resultado final da súa doenza. 

Tematicamente podemos falar dun canto de esperanza. Amanda tira partido da súa coraxe para arranxar contas co seu pasado e refacer a súa vida, á vez que tamén o fará coa dos outros. Eilos, pois, os ecos rosalianos aos que nos queriamos referir co título que empregamos. 

a escritora Andrea Maceiras

Comentarios