Saltar ao contido principal

"Estréase unha burra na Porta Nova"


as bólas
(xogo dos barcos)



xogo da porca
Quérolles falar hoxe, se mo permiten, acerca dos xogos infantís. Confésolles que eu, persoalmente, fun un incondicional da rúa. Pasaba horas e horas a xogar. O meu barrio, Canido, era, e aínda o é, un barrio, nun certo sentido, periurbano. Garda unha evidente esencia de aldea, pois a moi pouca distancia de onde eu vivía, había (e persisten no momento actual) terras de labranza. Tamén un fermoso e enorme río de lavar, o de Insua, e até hai ben pouco, mesmo algunha vaca nalgún dos prados. Construïamos cabanas, faciamos luminarias polo San Xoán, inventabamos o noso propio hóckey, para o cal nos valiamos de canotos secos de verzas que iamos coller a unha leira, gostabamos de roubar froita, moitas veces verde bollente, como as mazás da horta de Piano, pero tamén deliciosas claudias da do Coronel. Naquelas casas da mariña tiñamos uns fermosos patios, ben apropiados para os nosos xogos, ademais de que o número de rapaces era inmenso, de aí que nunca houbese problemas á hora de concertarmos calquera destes entretementos. Existía tamén aqueloutro mundo fóra, igualmente interesante, pois o barrio daba, sen dúbida ningunha, moito xogo. 

escondidas

lombas

peóns no corro
 
arriba faco

Aquí lles deixo, pois, unha pequena mostra literaria en que fago referencia a unha boa cantidade destes xogos, e que recordo telos practicado de pequeno, a cal certamente contén non poucos pousos de saudade. O propio (pre)texto dá unha explicación, máis ou menos clara da definición de cada un e en que consistía, xunto cos seus lances, regras particulares e sortes —que fun subliñando. Espero, en fin, sirva para reactivar moitas lembranzas e, sobre todo, para tentar fixalos, pois corren franco risco de desapareceren para sempre.
 
quedas

Mais cómpre darmos unha pequena explicación antes de mostrarlles o texto. A Porta Nova que cito no título alude ás vellas murallas do Ferrol do século XVIII. As tales murallas aínda perviviron, por certo, no barrio de Canido bastante máis tempo que no resto da cidade. Cando eramos nenos, iamos xogar tamén ao Baluarte, así chamado o campo costento que quedaba por encima dunha pequena praia artificial co pretencioso nome (isto dígoo visto desde o presente de adulto) de Copacabana, e que hoxe xa non existe, comido polo paseo da Malata. No Baluarte, pois, quedaban restos
Baluarte de Canido
da muralla, xa moi deteriorados, a onde iamos xogar tamén e, fundamentalmente, iamos merendar de moi pequenos, sobre todo a partir de finais da primavera e principios do verán, ou sexa, co bon tempo. As portas de acceso á cidade eran tres. A Porta de Canido, que é a praza que aínda hoxe existe e que reza na placa como Praza de Canido, e ao pé de onde eu vivía de rapaz. A Porta de Fontelonga, única por mar, e que aínda existe, ben fermosa, tras o cuartel de Dolores ou de Batallóns, no barrio de
Porta de Fontelonga
Esteiro, pola que se entraba á cidade despois de desembarcar polo peirao, hoxe inexistente, após ser comido polas instalacións militares e a actual Navantia. E a terceira, que era a Porta Nova, hoxe Praza de España, en cuxo chan deixaron hoxe como testemuño unha sorte de carreiro grisáceo para indicar por onde transcorría a vella muralla. En definitiva, pois, que a Porta Nova, lugar onde se estreaba a tal burra, debía ser esta sen dúbida. Cítanse a continuación unha manchea de xogos, algúns que se repetirán por toda a nosa xeografía e outros que serán, se cadra, máis singulares, variantes ou específicos da nosa cidade ou comarca. E agora, si, déixoos aquí co texto por fin.
 



Porta Nova


—Estréase unha burra na Porta Nova.
—Idem.
—Idem.
—Idem...


Saltabamos todos a primeira das lombas para encetar o xogo. O pandote, Carlos. Miguel, o capitán. Previamente recitárase o ritual de condicións que aquel debía escoller e o resto de xogadores acatar. “Chiniña, quen ma compra?”, cantara o de maior rango, unha vez nos propuxera a posibilidade do entretemento. E así fora pasando a pedriña de man en man, brazo en alto o vendedor que rogaba a mercadoría, ao tempo que os descartes ían deixando até o final ao Carlos. “Galego ou mudo?”, preguntáralle de primeiras o capitán, co gallo de saber as súas preferencias. E era “Galego” que el respondera. “Cabeza de cristal ou de cortiza?”, interrogárao de segundas: ou se a cachola non podía ser rozada sequera pola perna dalgún dos participantes, ou, polo contrario, que carecía de importancia que a tocase, cousa que se supuña só sucedería fortuitamente. E novamente dixera o Carlos que “De cortiza”. “Tambor ou tobogán?”, terceira e última das cuestións formuladas, que tiña a ver con que se o participante ao saltar a lomba, e unha vez aterrado no chan, podía caer sobre un único pé para despois pousar o outro pero ficando xuntos, ou se valía escorregar sen problemas. Ao que retrucaba o pandote coa opción máis beneficiosa para todos, ou sexa, a de “Tobogán”. E é que o Carlos, miña xoia!, era deste xorne, tan a boa fe.


O adro da igrexa, ao tanto das nosas brincadeiras. Cos picos, porros e tainas do arriba faco. Coa monotonía das lombas e o desafío de á unha salta a mula. Co peón de buxo, armado do seu ferrón de lanza, bóla ou tope, á vontade de cadaquén, mais sempre con ánimos certos de rachar o do contrario. Co cravo sobre o barro, quer fose ao dólar ou aos barcos, e para o cal o instrumental pintaba do máis diverso e até excéntrico: enormes desparafusadores e punzóns ou ferros aguzados mangados con artesanais envurullos para non danaren a man. Ás bólas, onde a modalidade da caza —“non se valen dúas dun tope nin unha con outra”—, máis atractiva sen dúbida, vencía á do corro e á do gua, ou calquera outra das variedades propostas. Á ancestral billarda, sorte de rudimentario béisbol á que había que zorregar co palán e ter a habilidade de non se mancar. Á astucia e pericia no da lata, no de sangue ou no das escondidas. Á destreza dos pisotóns e saltos en toribio-toribio, ou ao correr coas quedas, nas infinitas variantes de envelenadas, á pata coxa, de leite callado..., a mesma que había que ter con policías e cacos, co xogo de bandeira ou co de cans e lebres. E unha manchea de xogos máis que realizabamos atendendo á época do ano en que se estaba, e sempre de arredor do mesmo lugar. Así que alí andabamos, como tantas e tantas xornadas. Inverno cerrado e tempo tristón á tarde do que non nos importabamos. Pouco restaba para ir declinando o día. Charqueiras e lama por toda a parte, que había que sortear para facer cada un dos lances do xogo. O par de exiguos farois, prontos para alumar coa súa lánguida luz. Estréase unha burra na Porta Nova... E unha infinita restra deles que foron saíndo. En todas as modalidades, que se “Chourizos”, ora “colgantes” ora “estirantes”, e as reixas do xardín que rodean a igrexa valíannos para os realizar. Que se “Cables electrificados”, atados todos de mans, entrementres os rapaces iamos saltando, deixando as pernas a ambos os lados e sen tocalos por medo a sufrir a descarga ou, aínda peor, ter que pandar. Que se “Muíños de vento”, cuxas aspas xiraban de arredor de cada un, de modo que os saltadores non podían nin rozalas. Que se “Areas movedizas”. Que se “Mariñeiriños a bordo”. Que se “Olimpíadas”... E nestas andaba o Carlos, vendo pasar un por un os lances sen ser capaz de que calquera dos do grupo o puidese librar de ser o pandote. Porque, a dicir verdade, poucos había menos destros, de menor envergadura e, iso si, máis honrados ca el á hora de xogar. E é que as condicións expostas polo capitán escollíaas o Carlos que fosen sempre as máis beneficiosas para todos... Menos para el. Ben se coñecía, e cousa difícil se lle facía poder librar por causa disto e, non obstante, non tentaba nada distinto que puidese prexudicar os demais, e por moito que o seu foro interno lle ditase cousa contraria. Era deste xorne e non o podía evitar. Ora ben, o que si temía de seguro era aquela nova modalidade, a máis cruel!, que o Miguel viña de inventar había algúns días. E razón non lle faltaba. Pois convertera o habitual “Nerón saca os seus cadelos a mexar” —onde cada xogador debía ouriñar en presenza do capitán e do pandote se quería librar—, en “Papá saca os seus nenos a trebellar”, obrigando a un dos seus subordinados a maquinar un lance, así fose preguntarlle calquera cousa absurda a un viandante pola rúa, como cruzar a calzada segundos antes de un vehículo pasar. Porque todo era válido. O que pandaba debíao realizar e con ben, caso de querer librar e cederlle así ao inventor do enxeño a condición de pandote, razón pola que o esmero na escolla da acción tiña de ser primordial; pois, alén de perder o seu rango, pasaría ao terríbel lance seguinte, e inescusábel, que era o de “Pavillón de boxeadores”. E prato de bon gosto non era, pois a encerrona transcorría nun corredor practicado cos corpos encorvados dos xogadores e coas mans contra unha parede, e por baixo do cal pasaba correndo o pandote por ver de que as pancadas co puño fecho lle causasen o menor dano posíbel. En suma por tanto, que desafío como aquel... Nin punto de comparación co resto de lances, nin con calquera dos outros xogos, por moi violentos que eles fosen.
billarda

Comentarios

  1. Fermosas lembranzas Henrique!
    Das miñas en Bouzas:
    http://mirequelledigo.blogspot.com/2017/06/os-xogos-dos-nenos.html
    http://mirequelledigo.blogspot.com/2021/02/o-liscanzo-astronauta.html
    http://mirequelledigo.blogspot.com/2017/03/nos-bancos-da-alameda-de-bouzas.html
    E seguro que quedan algunhas máis!

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Sr. Manoel da Costa. Tomo nota e espero poder darlles bo uso.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Pequena glosa sobre Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán nace en 1903 na localidade valdeorresa de Córgomo. Por razóns laborais, o pai será destinado a terras castelás, de modo que acabará por facer o seu bacharelato en Palencia, e en Valladolid estudará a carreira de Dereito. Exercerá a avogacía no Barco de Valdeorras e ingresará no Partido Galeguista en 1933. É por esta razón que escapará da represión exercida polos sublevados  en 1936 . Farao primeiro a Zamora e a Portugal despois (refúxiase primeiro nunha casa de Tourém), saíndo desde o Porto nun barco noruegués a Francia, para pasar despois novamente á zona republicana. No entanto, terminada a guerra, cruzará outra vez a fronteira, embarcando no navío Ipanema con destino á cidade mexicana de Veracruz, xunto con centenares de refuxiados republicanos. Neste país xa asentarase de modo definitivo. Falecerá en 1987.  Catro son os poemarios publicados por Florencio Delgado Gurriarán:  Bebedeira , Nós, Santiago de Compostela, 1935.  Galicia infinda , Sal

Tintoretto, espírito olímpico e aromas dos Balcáns

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/tintoretto-espirito-olimpico-aromas-balcans/20160824234321164007.html No pasado 25 de agosto publicabamos no Diario de Ferrol, na sección "La Ventana", este artigo. Fálase nel acerca das impresións dunha viaxe realizada durante o mes de xullo. O mar Adriático, xunto co Xónico, fixeron parte deste interesante percurso, unha amálgama de cidades e lugares, unha mestura de varias culturas realmente cativadoras. Galleria dell'Academia de Venecia Venecia friso no museo de Olimpia Dubrovnik (Croacia) falso fiorde de Kotor igrexa ortodoxa en Kotor (Montenegro) igrexa ortodoxa en Kotor

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

http://www.diariodeferrol.com/opinion/henrique-dacosta/novoa-santos-empirismo-controversia/20160728001547161457.html Novoa Santos por Maside No 28 de xullo publicamos no DF un artigo sobre o doutor, investigador e escritor Roberto Novoa Santos. Achamos de interese, e desde moitos puntos de vista, o seu contributo en varios destes campos. Home pouco complacente e dado á controversia, tennos deixado un fermoso conto sobre a Compaña. Nel xorden, ou mellor, sintetízanse algunhas das liñas mestras que o inquietaban. Debuxo de Bello Piñeiro para o orixinal "A Santa Compaña", de Novoa Santos